Reabre a vía Santiago-Ourense tras extinguirse o lume causado por un tren en Boborás
Traballaron na zona dous avións, un helicóptero, dúas motobombas, tres brigadas e un axente
Hai 10 días quedou extinguido outro lume nesta mesma parroquia tras calcinar 19 hectáreas
A circulación ferroviaria interrompida entre O Carballino e O Irixo, que afectou os trens de ancho convencional que circulan entre Ourense e Santiago de Compostela, reabriu tras estar interrompida durante unhas horas na tarde deste luns por un lume en Boborás.
O tráfico ferroviario reanudouse tras extinguirse o incendio rexistrado ás 15,26 horas na parroquia de Xurenzás e provocado por un tren segundo informou a Consellería do Medio Rural. Finalmente, o lume quedou nun conato que só queimou 0,18 hectáreas.
A alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, tamén apuntou ao paso dun tren como causa das lapas, mentres que Adif sostén que se trata dun "incendio alleo" á infraestrutura.
O lume quedou extinguido ás 20,40 horas deste luns co apoio de dous avións, un helicóptero, dúas motobombas, tres brigadas e un axente.
Transporte alternativo en autobús para os viaxeiros afectados
O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias estableceu un plan de transporte alternativo en autobús por estrada para garantir a mobilidade dos viaxantes.
Precisamente, hai 10 días quedou extinguido outro incendio nesta mesma parroquia tras calcinar 19 hectáreas, nun lume que queimou nese caso o castro de Xurenzás.
Ademais, o pasado 13 de xullo, o paso dun tren de mercancías pola contorna de Ourense provocou oito lumes nos municipios Maside, Ourense, Amoeiro e Punxín, que obrigaron a activar un amplo operativo. Queimaron preto de oito hectáreas.