Embargan parcialmente as contas da armadora do Sin Querer 2, naufragado en 2018
Un xulgado de Pontevedra condena á empresa propietaria do pesqueiro e á comercializadora e ordena o embargo para pagar as débedas coas familias das catro vítimas e cos superviventes
Un xulgado ordena o embargo de parte das contas da armadora do Sin Querer 2, o pesqueiro naufragado en 2018 preto de Fisterra con exceso de peso no aparello, para asegurar os pagamentos correspondentes aos familiares das catro vítimas mortais e do resto dos traballadores.
Unha sentenza do xulgado do Social número 3 de Pontevedra confirma a sanción administrativa á empresa armadora por incumprir a Lei de riscos laborais. O ditame tamén establece que a armadora e a comercializadora deben abonar os pagamentos por descansos e libranzas do persoal, e decide o embargo de bens para garantir que cumpre a sentenza.
Catro vítimas e seis superviventes
Dous golpes de mar, moi rápidos, a catro millas e media de Fisterra, mandaban ao fondo o cerqueiro Sin Querer 2. Os dez mariñeiros a bordo, de Cambados, o Senegal e Portonovo, volvían á casa despois dunha campaña de mes e medio ao xurelo no Cantábrico. Era Nadal, 19 de decembro. O mar levou o pesqueiro a algo máis de cen metros de profundidade e, con el, afundiron catro mariñeiros, entre eles, o patrón. O corpo dun deles non apareceu. Só seis tripulantes lograron chegar ás balsas salvavidas.
As condicións marítimas eran adversas pero, segundo a investigación do naufraxio, só o mar non podería envorcar o barco. O Sin Querer 2 afundiu porque ía cargado de máis. A armadora foi sancionada por exceso de peso do aparello algo que, parece, era habitual.
Despois do naufraxio a armadora despediu os mariñeiros que se salvaron. Eles denunciaron. En maio, o xulgado obrigaba a empresa dona do barco a indemnizar os achegados das vítimas con quince mil euros por permisos e vacacións que non tiveran. A armadora pagou, pero non todo. Agora a xustiza embárgalle os bens para que afronte as compensacións.