Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ordenan á Policía indemnizar o axente de Vigo ferido grave nos disturbios do "procés"

Ordenan á Policía indemnizar o axente de Vigo ferido grave nos disturbios do "procés"

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia impónlle á Policia Nacional que indemnice con 165.258 euros o axente que sufriu un traumatismo cranioencefálico nos disturbios orixinados en Barcelona tras a sentenza do procés

"Estamos ante un axente de 41 anos que por unha brutal agresión viu arruinado o seu futuro" conclúen os maxistrados

 

O policía despedido polos seus compañeiros na Coruña /Arquivo O policía despedido polos seus compañeiros na Coruña /Arquivo
G24.gal 04/02/2023 10:56

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ordenou á Policía Nacional que indemnice con 165.258 euros o axente que sufriu un traumatismo cranioencefálico nos disturbios de Barcelona tras a sentenza do procés, xa que aos 41 anos viu "arruinado o seu futuro" e viuse obrigado a xubilarse.

Acordouno o TSXG nunha sentenza, á que tivo acceso EFE, que lle dá parcialmente a razón ao policía que resultou gravemente ferido en acto de servizo o 18 de outubro de 2019 e tivo que ser ingresado na UCI.  Condena a Dirección Xeral da Policía para indemnizalo con 89.858,88 euros polas secuelas das súas lesións e con 75.399,83 euros polo prexuízo patrimonial pola perda de calidade de vida.

O axente, adscrito á VII Unidade de Intervención Policial con base en Vigo, foi destinado o 18 de outubro de 2019 a Barcelona no marco da operación Ícaro, para reforzar o dispositivo policial con motivo dos disturbios na capital catalá tras a condena á cúpula do procés.

O policía, que se despregou na vía Laietana de Barcelona, nas inmediacións da Xefatura de Policía e da praza Urquinaona, epicentro dos disturbios, recibiu un forte golpe na cabeza que lle rompeu o casco e que o deixou inconsciente polo que caeu redondo ao chan e sufriu un traumatismo cranioencefálico a consecuencia do cal que tivo que ser ingresado varios días na unidade de coidados intensivos (UCI) en estado grave.

O tribunal conclúe na súa sentenza, contra a que se pode recorrer, que o axente ten dereito a ser indemnizado porque se trata dun funcionario policial de 41 anos e sen problemas de saúde en 2019 pero que, por unha "brutal agresión sufrida no desempeño da súa actuación profesional, como gardián da orde pública, viu arruinado o seu futuro, presa dunha incapacidade permanente absoluta que o obriga a pasar á situación de xubilado".

En concreto, debido ás graves lesións sufridas, ao axente concedéuselle en novembro de 2020 a xubilación por incapacidade permanente para o servizo de Policía Nacional, polo que queda inhabilitado para toda profesión ou oficio.

Posteriormente, en agosto de 2021, o axente solicitou á Dirección Xeral da Policía unha indemnización de 407.454,26 euros, utilizando como criterio para a valoración dos danos e perdas a lei de recoñecemento e protección integral ás vítimas do terrorismo.

Con todo, en decembro de 2021, a Dirección Xeral da Policía desestimou a súa pretensión alegando que a súa responsabilidade circunscribíase aos gastos para a súa recuperación, xa asumidos pola Administración, e posteriormente opúxose á demanda xudicial do axente e solicitou que se desestimase integramente a mesma, sen dereito a indemnización ningunha, a pesar da gravidade das lesións.

Paralelamente, o axente denunciara ante un xulgado de instrución de Barcelona a agresión sufrida, aínda que, a pesar das investigacións levadas a cabo, o autor non puido ser identificado.

O tribunal considera que o axente ten dereito a ser indemnizado en virtude da nova interpretación por parte do Tribunal Supremo, na liña de recoñecer a pretensión indemnizadora por danos e lesións causados en acto de servizo por un terceiro que resulte insolvente.

"Por tanto, nos supostos de lesións causadas a un policía en acto de servizo por terceiros que resulten insolventes ou non sexan identificados nin achados, recoñécese, en virtude do principio de indemnidade, a obrigación da Administración do Estado de resarcir o funcionario afectado", sostén o tribunal.

Á hora de fixar a contía, a sala determina que, en concepto de secuelas -o axente tamén sufriu, entre outras, insuficiencia respiratoria aguda e trauma na columna-, correspóndenlle 89.858,88 euros.

Respecto ao prexuízo patrimonial por perda de calidade de vida grave, fíxao en 104.415,02 euros, aos que hai que descontar os 37.700 percibidos cando se lle concedeu a incapacidade permanente absoluta.

A sala rexeita aumentar a indemnización polo prexuízo patrimonial ata os 300.000 euros, como solicitou o axente, ao non ver "aceptable" a súa pretensión de que se lle aplique o réxime previsto para as vítimas do terrorismo, xa que a agresión non foi recoñecida nin declarada como acción terrorista, polo que en total correspóndenlle por este concepto 75.399,83 euros.

Ademais, subliña que ao axente xa se lle aboaron con anterioridade todos os gastos polas lesións padecidas e que non sufriu prexuízo económico de ningún tipo durante a súa baixa médica, xa que, ao serlle recoñecidas as lesións como producidas en acto de servizo, percibiu o que lle correspondía coma se estivese en activo e tamén cobra unha pensión de xubilación extraordinaria.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar