Publicador de contidos

Publicador de contidos

Operación antidroga en Pontevedra e Lugo: comisados 220 quilos de cocaína e catro millóns de euros

Operación antidroga en Pontevedra e Lugo: comisados 220 quilos de cocaína e catro millóns de euros

O operativo policial, denominado Carplaya, supuxo a detención de dez persoas

Catro quedaron en prisión incondicional, 5 en liberdade con fianza e outro detido quedou en liberdade con medidas cautelares 

A organización criminal asentada en Galicia, estaba especializada no transporte de cocaína en España e Portugal oculta en vehículos

G24.gal 28/04/2023 12:43 Última actualización 28/04/2023 21:37

A operación contra o narcotráfico que a Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil desenvolveu o pasado mércores nas provincias de Pontevedra e Lugo saldouse coa incautación de 220 quilogramos de cocaína.

O operativo policial, denominado Carplaya, supuxo a detención de dez persoas, moitas delas vinculadas familiarmente e relacionadas co tráfico de drogas desde hai anos. Despois de pasar diante do xuíz, catro quedaron en prisión incondicional, 5 en liberdade con pago de fianza de 2.000 euros e outro detido quedou en liberdade con medidas cautelares como comparecencia periódicas no xulgado e retirada do pasaporte.

Todos eles, segundo os investigadores, formaban parte dunha activa organización criminal centrada en Galicia, especializada no transporte de cocaína entre distintos puntos de España e Portugal, utilizando para iso vehículos dotados de sofisticados sistemas para ocultar a droga.

A investigación comeza en 2022

A investigación sobre esta trama, dirixida polo Xulgado Central de Instrución número 6 da Audiencia Nacional e pola Fiscalía Especial Antidroga, comezou en abril de 2022. Os axentes comprobaron como algúns dos investigados transportaban droga oculta en vehículos.

Facíano sen contar co apoio doutros vehículos de seguridade para evitar controis policiais, como é o habitual nestes casos, o que fixo sospeitar aos investigadores que a organización contaba con sofisticados sistemas para ocultar a cocaína nos coches.

Esta liña de investigación levou aos axentes ata un taller clandestino situado en Vigo, cuxo responsable era fundamental na loxística utilizada por esta organización.

Así, os membros deste grupo criminal non só contaban con experiencia previa no tráfico de drogas, senón que usaban unha avanzada tecnoloxía de mensaxería encriptada nas súas comunicacións, sistemas de inhibición e detectores de radiofrecuencia de última xeración.

A Garda Civil explica que resultou "moi relevante" comprobar o alto nivel de vida de moitos dos investigados, xa que sen dispoñer de ingresos económicos legais coñecidos nin propiedades eran titulares de distintas sociedades en grave estado de déficit declarado.

A pesar diso, adquirían con frecuencia vehículos de alta gama, todo tipo de mobiliario para vivendas a nome de cónxuxes ou familiares ou contrataban viaxes exclusivas.

Isto derivou nunha exhaustiva análise económica e patrimonial sobre os principais membros desta organización e das súas sociedades, o que permitiu ás autoridades investigarlles tamén por delitos relacionados co branqueo de capitais.

Tras un ano de investigación, axentes da UCO detiveron o pasado mércores a dez integrantes desta organización, ás que se imputan os delitos de pertenza a organización criminal, contra a saúde pública e branqueo de capitais.

Os quince rexistros realizados acabaron coa incautación de 220 quilos de cocaína, 2,5 quilos de haxix, 640.000 euros en efectivo, oito vehículos, inhibidores de frecuencia, sistemas de detección de radio frecuencia, terminais de comunicación encriptados e diversa documentación.

A maior parte da droga foi achada nunha das leiras rexistradas en Pontevedra, unha granxa agrícola e gandeira que ocultaba a cocaína nun zulo subterráneo que resultou difícil de detectar para a Garda Civil dado o seu sofisticado sistema de soterramento.

Na parte económica, os investigadores lograron inmobilizar máis de 4 millóns de euros entre sociedades mercantís, bens inmobles, embarcacións e contas bancarias bloqueadas.

Toda a investigación desenvolvida polo Equipo contra o Crime Organizado (ECO) con sede en Galicia, dependente da UCO da Garda Civil, contou coa colaboración de Europol e coa participación de máis de 250 axentes de diferentes unidades de instituto armado.

Entre elas, participaron efectivos do Grupo de Acción Rápida (GAR), os Grupos de Reserva e Seguridade de Valencia e León, o Servizo Cinolóxico Central, a Sección Fiscal de Melilla e diversas unidades das Comandancias de Pontevedra, Lugo e Melilla. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade