Deteñen en Vigo cinco persoas por distribuír droga e 10.000 pastillas de medicamentos falsificados
Quedaron en liberdade investigados por un delito contra a saúde pública
A xuíza impúxolles a retirada dos pasaportes, a prohibición de saída do territorio nacional e a obriga de comparecer semanalmente no xulgado

Axentes da UDYCO da Comisaría de Policía Nacional de Vigo-Redondela desarticularon unha organización dedicada á distribución de estupefacientes e medicamentos falsificados, nun operativo que se saldou con cinco detidos e tres rexistros na cidade.
A investigación iniciouse a finais do pasado ano. Os delincuentes distribuían os estupefacientes en diferentes puntos da cidade, e tamén nos domicilios dos clientes, cando estes o requirían por vía telefónica.
Neses rexistros incautáronse de 300 gramos de heroína, cocaína lista para a súa distribución, así como outras drogas. Os investigadores interviñeron ademais 10.000 pastillas de medicamentos falsificados, utilizados como potenciadores sexuais, así como uns 50 gramos de cocaína azul.
Tamén foi intervido máis dun quilogramo de substancias de corte, varias básculas e máquinas de envasar ao baleiro, unha pistola simulada e 2.800 euros en efectivo.
A investigación continúa aberta e non se descarta a práctica de futuras detencións.
Os detidos pasaron este venres ao dispor do xulgado de instrución número 3 da cidade, que decretou a súa posta en liberdade, investigados por un suposto delito contra a saúde pública.
Como medidas, a xuíza impúxolles a retirada dos pasaportes, a prohibición de saída do territorio nacional e a obriga de comparecer semanalmente no xulgado.