OPINIÓN
OPA Sabadell, unha cuestión de olladas?, por Venancio Salcines

Miras cara ao sistema financeiro e cres ver unha soa imaxe, cando a realidade é que caben diferentes olladas. O poder político catalán quere preservar unha entidade, o Sabadell, que está vencellada co seu territorio. A Unión Europea, necesitada de grandes entidades, entende que as fusións xeran economías a escala e xogadores capaces de competir en mercados transnacionais.
O Banco de España, que ten como prioridade a solvencia bancaria, observa, tamén, con satisfacción as fusións. Canto máis grande máis fácil que sexa forte e, polo tanto, cunha solvencia a proba de crises. Os cidadáns, na súa ollada, non chegan tan lonxe e pensan nos xuros, nos custos financeiros. Menos xogadores, menos competencia e, polo tanto, maiores xuros, maiores marxes, maiores custos. E o goberno, que pensa? O primeiro en que ten que pensar é na legalidade. A seguridade xurídica sempre é clave e debe ser respectada. Unha vez cubertos os dereitos á OPA de BBVA e satisfeito o marco legal, toca ver o camiño a elixir. O previsible é que sexa un que lle achegue máis rédito político, e aquí parece claro que postos a sumar amigos, o Sabadell ten algúns máis ca o BBVA.