A confraría de Cangas sementa o litoral con 16.000 crías de ourizo
Repoboan a pe o banco de Massó, e con mergulladores o dos Castros
O plan piloto busca protexer un recurso cada vez máis escaso
Eduardo e Orlando poñen o traxe de mergullador para saír ao mar. Pero hoxe non toca pescar, senón sementar os fondos con milleiros de crías de ourizo.
"O obxectivo é axudar ao recurso, para que haxa máis e medre, para que a súa pesca sexa sostible co tempo", di Eduardo.
Despois dunha primeira xornada a pé no banco de Massó, agora completan a repoboación desde o mar, na zona dos Castros, entre Nerga e Limens.
"Primeiro hai que liberalo con moito coidado. Non é cuestión de envorcar a caixa no mar, porque o ourizo queda pegado cunha especie de patiñas, como as estrelas de mar. Hai que soltalo sen rañalo para que os depredadores non o ataquen. Hai que facelo con amor", engade Orlando.
A semente de ourizo, duns 2 centímetros, procede dunha batea de preengorde, onde se alimentou a base de algas, o seu menú favorito. Agora toca que as crías se defendan soas no medio natural.
No fondo mariño os mergulladores buscan os mellores acubillos para os pequenos ourizos. Lugares con alimento e libres de depredadores para que poidan seguir medrando ata converterse en exemplares adultos.
Terán que pasar cinco anos para ver se a sementeira dá os seus froitos. Ese é o tempo que tardan os ourizos en acadar o tamaño comercial, de cinco centímetros e medio. Un tempo longo de espera, que compensa, din, cos prezos que acada este manxar nas lonxas, a uns 16 euros o quilo.
"É un recurso que está collendo prezo ultimamente, tamén porque cada vez hai menos. Ao faltar recurso, o prezo sobe".
"Págase ben, pero ten un defecto: a campaña de extracción é durante o inverno, cando o mar está bravo coma un demo", din os mergulladores.
As augas doces, os depredadores ou a sobreexplotación ameazan o ourizo. Reducir cotas e días de extracción, e este proxecto piloto de sementeira son algunhas das medidas que a confraría de Cangas está a adoptar para preservar o seu futuro.