Once detidos ao desartellar unha banda que traficaba con droga na Coruña e Lugo
Nesta operación policial desenvolvida en distintas provincias galegas houbo rexistros domiciliarios no termo municipal de Lugo e tamén en Oleiros

A Guardia Civil, no marco da operación Avelu, desartellou unha rede criminal especializada no tráfico de drogas nas provincias de Lugo e A Coruña, que supostamente introduciu uns 50 quilos de cocaína na provincia desde o ano 2020.
Hai detidas once persoas nesta investigación dirixida polo Xulgado de Instrución Nº 1 de Lugo e que comezou o ano pasado en Lugo cando a Garda Civil deu cun terreo ao que acudían “asiduamente persoas vencelladas ao tráfico de drogas”.
Ese terreo parece que era utilizado por un empresario da construción como lugar de xuntanza e entrega de estupefacientes a outros intermediarios que se ocupaban da distribución das drogas polo miúdo en diferentes localidades da provincia de Lugo.
No desenvolvemento desta operación, os investigadores identificaron a persoas que acudían a ese punto de encontro para adquirir cantidades de droga. Ademais, os axentes que participaron nesta operación lograron determinar a liña de abastecemento do líder da rede e tamén identificar os seus responsables que residen na provincia da Coruña.
Nesta operación policial, desenvolvida en distintas provincias galegas, houbo rexistros domiciliarios no termo municipal de Lugo e tamén en Oleiros.