Ollada á medicina de comezos de século da man de médicos e boticarios do rural
Un médico xubilado de Maceda promove na súa localidade un museo que amosa as difíciles circunstancias en que traballaban os médicos do rural galego a finais do século XIX e comezos do XX
A botica de Doade, no concello de Beariz, unha das máis antigas de Galicia, reabriu como museo para mergullarse no labor dos farmacéuticos desa época
A imaxe de Manuel Vázquez Álvarez a cabalo polas corredoiras das aldeas de Ramirás, onde exerceu durante cincuenta anos, ilustra perfectamente a figura dos médicos do rural de finais do século XIX e comezos do XX. Profesionais abnegados, dotados cun excepcional ollo clínico no seu labor de sandar, especialmente os doentes menos favorecidos.
O Museo do Médico Rural de Maceda, promovido por un doutor nativo da localidade, cunha vocación sanitaria tan forte como a divulgativa, rende homenaxe ao seu traballo.
Nel amósanse milleiros de pezas e elementos doados polos propios facultativos. Desde os máis rudimentarios fonendoscopios, ata aparellos ambulantes de raios "X", cos que se facían radiografías á domicilio.
Viviron unha época de transición entre a medicina tradicional, con remedios ancestrais baseados nas propiedades das flores e as plantas, e os inicios da farmacoloxía moderna.
Aí a importancia do papel do farmacéutico, complemento indispensable do médico. Un boticario ourensán, Juan Vidal mesmo patentou tres medicamentos contra a sífilis a comezos do século vinte.
Da fe dese inxente labor de investigación e busca do remedio máis eficaz, a botica de Doade, no concello de Beariz, recentemente rehabilitada como museo. Nela, a familia Janeiro, traballou durante un século na procura de fórmulas e medicamentos que curaran a persoas e tamén animais.
Coma se o reloxo se detivera hai medio século os seus segredos conserváronse intactos no chamado "ollo do boticario", un moble ubicado no centro do establecemento que non perdía de vista o titular do despacho.
A farmacia de Doade forma parte do itinerario cultural europeo Aromas Salutis. As sobriñas de don Pepe o boticario chegaron o predio ao concello de Beariz, que ten o compromiso de recuperar o xardín medicinal.
Coñecer de onde vimos para entender cara onde imos. Unha lección que se imparte de balde tanto na botica coma no museo do médico rural, de visita obrigada para os sanadores do futuro.