Oleksandr Kovliar xa está a punto para debutar ante o Granada
Kovilar na súa presentación: “Son novo, pero estou aquí para mellorar e xogar. Non estou por estar en Santiago"
O último en incorporarse ao Monbus Obradoiro, o base ucraíno Oleksandr Kovliar, foi presentado de forma oficial esta mañá como novo xogador do conxunto compostelán.
Kovliar mostrouse encantado por chegar a Santiago.
"Estou moi contento de chegar a este equipo. Será unha gran experiencia traballar con Moncho Fernández. Coñecín aos meus compañeiros e fixen un par de adestramentos co equipo. Creo que estarei preparado para o próximo partido. Mellorarei para conseguir vitorias e cumprir obxectivos xuntos”.
Tamén mostrou a súa disposición para ofrecer as súas mellores prestacións coa camiseta obradoirista.
“Son novo, pero estou aquí para mellorar e xogar. Non estou por estar en Santiago. Chegar ao Monbus Obradoiro é un gran paso na miña carreira”
Kovliar recoñeceu que falou con Artem Pustovyi, compañeiro na selección ucraína, despois de aceptar a proposta do Monbus Obradoiro
“Falei con el despois de dicir que si. Creo que é moi bo, para min, entender que pasa no equipo, así como as regras. El axudoume moito e explicoume todo”.