Oito caras novas para un Cangas que promete xogar a ritmo de vertixe
"O obxectivo é a permanencia, pero non queremos poñer un teito", asegura o seu capitán Juan Quintas
Adestrador novo -Quique Domínguez- e oito xogadores fichados. Cambio de ciclo importante no Cangas Frigoríficos do Morrazo que fixo a presentación nas instalacións do seu patrocinador principal. As caras novas son David Kalvo Valderhaug, Ángel Rivero, Marcell Ludman, Samuel Pereiro, Pablo Castro, Nicolo D'Antino, Javi García e Haris Suljevic. Hai novidades en todas as liñas, desde a portería, pasando polos especialistas defensivos, os extremos ou o pivote.
"Queremos xogar a un ritmo moi alto" apunta o novo técnico Quique Domínguez. "Con Nacho Moyano xa xogabamos rápido pero iso multiplicouse coa chegada de Quique" asegura o capitán Juan Quintas. Promete ter un novo estilo o único conxunto galego da Liga Asobal, un clásico dentro da competición.
Ao longo das temporadas a permanencia é o obxectivo prioritario do club. Houbo temporadas nas que custou ferro e fariña acadando o éxito no play out. Non muda a intención do Cangas pero segundo Quintas "o adestrador remárcanos que non podemos poñernos un teito". Veremos cal é o resultado desta nova apócema que están a formar no Morrazo.