O Cangas gaña un derbi igualado diante do Cisne (28-31)
Os dous equipos enfrontáronse na loita polo terceiro e cuarto posto do Torneo Interpontes
O trofeo gañouno o Dinamo de Bucarest que se impuxo na final ao Spórting de Portugal na quenda de penaltis
O Cangas Frigoríficos do Morrazo impúxose no primeiro derbi galego deste 25-26 ao Cisne por 28-31 na loita polo terceiro posto do Torneo Interpontes. Houbo un tempo para cada equipo porque os pontevedreses, dunha categoría inferior, mandaron na primeira metade na que chegaron a gañar por cinco goles de diferenza (9-4) e marcharon ao descanso por diante (15-14).
No segundo tempo o Cangas conseguiu poñerse por diante (16-19) e marchar con tres goles de vantaxe. Parecía que o partido estaba resolto pero o Cisne reaccionou e empatou (25-25). A xogada clave, con 27-28 foi unha parada do porteiro do Cangas e un gol na seguinte xogada que deixou o partido resolto.
Triunfo final do Dinamo de Bucarest
A vitoria no Torneo foi para o Dinamo de Bucarest de Romanía diante do Spórting de Portugal. Un partido de primeiro nivel europeo do que puideron gozar os afeccionados ao balonmán de Pontevedra. O encontro rematou con empate (26-26) despois dun gol do pontevedrés Carlos Álvarez no último segundo do partido. O extremo internacional fichou este ano na liga portuguesa procedente do Ademar de León. Na quenda de penaltis, o Spórting fallou o primeiro lanzamento e o Dinamo acertou nos cinco intentos.