Yeremay ten unha oferta de cinco anos do Sporting de Lisboa
Fontes da súa contorna aseguran á Televisión de Galicia que Yeremay non vai forzar unha saída
O campión de Portugal devece por Yeremay Hernández. A prensa deportiva lusa anuncia con grandes titulares unha oferta que supera os trinta millóns de euros polo canario, ao que tenta cun gran contrato por cinco anos. Oferta moi tentadora. Un campión de Liga e a posibilidade de xogar a Champions son palabras maiores.
O Deportivo resiste o acoso. Alega que non vai negociar polo seu xogador bandeira. Protéxese detrás dunha elevada cláusula que non cuantifica. Só sentaría á mesa de negociación por petición expresa do xogador, que, de momento non se produciu.
Fontes da súa contorna aseguran á Televisión de Galicia que Yeremay non vai forzar unha saída, pero a incerteza transmite inquedanza á bancada e traspasa a porta do vestiario. Antonio Hidalgo intenta controlar os efectos nocivos do mercado, que sitúa a Yeremay e Mella baixo no punto de mira
Arredor de 22 millóns pagou o Sporting por Luis Suárez, que vén de facer os seus dous primeiros goles. Agora sobe a aposta pola perla deportivista. Sería a contratación máis cara da historia dos "leões".