Os partidos da Eurocup Mersin-Baxi e Gorzów-Ensino, o xoves na G2 e AGalega.gal
Desde as seis da tarde, sesión continua cos dous equipos galegos xogando pola clasificación para a seguinte rolda
A segunda canle da TVG e a plataforma AGalega.gal ofrecerán este xoves a quinta xornada da fase de grupos da Eurocup feminina cos dous representantes galegos. Ás seis da tarde chegará a primeira cita entre o Mersin e o Baxi Ferrol e, xusto ao remate, comezará a emisión do Gorzów-Ensino.
O Baxi Ferrol visita en Turquía ao vixente campión e líder do Grupo D, un Mersin que gañou os catro partidos da liguiña, entre eles na Malata na primeira volta por 85-42. O Olympiacos é segundo con tres vitorias e unha derrota, e o equipo ferrolán ocupa a terceira posición con 5 puntos (unha vitoria e tres derrotas), só por diante do Ślęza Wrocław, que aínda non gañou. A súa única vitoria foi en Polonia (65-87) e na última xornada caeu 58-77 ante o Olympiacos. Na Liga Feminina Endesa leva cinco vitorias e tres derrotas, igualado con outros tres equipos entre a quinta e a oitava praza, e o domingo perdeu 58-83 co Azulmarino Mallorca Palma.
O Durán Maquinaria Ensino, que regresa a Europa cinco temporadas despois, viaxa a Polonia para enfrontarse ao Gorzów, líder invicto do Grupo J con catro vitorias en catro xornadas, que xa o derrotou en Lugo por 83-105. O conxunto galego é terceiro, con dúas vitorias e dúas derrotas, despois de superar o Panserraikos (80-58) e o BLMA Montpellier (86-80). Na liga acumula unha soa vitoria esta temporada e o domingo caeu 65-107 no Pazo ante o Spar Xirona.
O sistema de competición determina que clasifican para a seguinte fase os dous primeiros de cada grupo e as catro mellores terceiras, polo que cada triunfo conta. A quinta xornada deixa, así, dúas citas decisivas para o baloncesto feminino galego, con cobertura a través da segunda canle da TVG e da plataforma AGalega.gal.
As retransmisións de baloncesto continuarán durante esta semana co Leganés-Celta, programado para o sábado ás cinco menos cuarto da tarde, correspondente á novena xornada da Liga Feminina Endesa. É un encontro entre dous equipos da zona baixa da táboa xa que o Leganés é 13º con 10 puntos, froito de dúas vitorias e seis derrotas, e o Celta Femxa Zorka é 14º con 9 puntos, cunha soa vitoria en oito xornadas. Unha vitoria no pavillón Europa permitiría ao conxunto olívico recortar a distancia co seu rival directo e deixar atrás a parte máis comprometida da clasificación.
O Leganés chega despois de caer 91-59 na pista do Valencia Basket, a súa segunda derrota consecutiva tras perder 64-66 co Baxi Ferrol, e as súas dúas vitorias do curso foron ante o Hozono Global Jairis (66-63) e o Kutxabank Araski (63-58). O Celta Femxa Zorka, pola súa banda, só gañou ata agora ao Araski (75-56 na súa pista) e o pasado domingo caeu 79-74 en Estepona.