O verán podería ser máis caloroso e húmido do habitual en Galicia, segundo AEMET
A primavera foi moi calorosa e moi seca, pero as reservas hídricas están en niveis normais
Prevén un verán con precipitacións normais na metade norte, pero máis humidade do habitual na sur
Todo apunta, segundo a AEMET, a que este verán vaiamos pasar máis calor da habitual, tal e como sucedeu na primavera, a terceira máis cálida da serie histórica en Galicia.
Pero na bolsa da praia non estará de máis meter un paraguas este verán. Na metade norte de Galicia agárdase un nivel normal de precipitacións a na metade sur máis humidade da habitual.
"Podería haber máis humidade do normal na metade sur de Galicia porque, probablemente, será unha estación mais treboenta do habitual", adianta Francisco Infante, delegado da AEMET en Galicia.
Afrontaremos o verán cos encoros en niveis normais, que contrastan coa escaseza que padecen os do sur e o leste da Península. Os pasados meses tamén foron moi secos en Galicia, sobre todo abril, pero había reservas do inverno.
"O outono foi húmido e o inverno moi húmido e iso compensou en cantidade de precipitación a esta primavera que foi seca ou moi seca", engade Francisco Infante.
E na previsión a curto prazo, AEMET prevé que os chuvascos e as treboadas continúen ata o martes, data na que un anticiclón podería devolver a estabilidade a un tempo do máis revolto.