Xiro do tempo: chega o frío conforme avance a semana
O xoves, o día máis frío, con máximas por debaixo dos dez graos no interior e neve na montaña de Lugo
A baixada das temperaturas comezará a notarse xa dende mañá, con tempo seco e solleiro no sur
Toca abrigarse: bufanda, luvas e un bo abrigo... Marchou a chuvia e chega o frío.
"Frío, frío, puxen chaqueta, quentadores, medias térmicas, ao neno tamén".
"De momento, puxen a boina, guantes aínda non, pero a chaqueta ten quentiño por dentro e xa camiseta interior".
Di o refrán que por San Andrés, neve nos pés; pero este ano o frío adiántase ao santoral e contra a noitiña do mércores prevense as primeiras nevaradas nas zonas máis altas.
"As temperaturas van ir baixando xa dende mañá martes pero, sobre todo, o mércores e especialmente o xoves. Temperaturas moi baixa na noite de xoves ao venres e do venres ao sábado. Nas zonas altas do leste da provincia de Lugo, agárdanse precipitacións en forma de neve, e tamén no Xistral", adianta Ana Lage, meteoróloga de MeteoGalicia
Sen tempo non foi, porque, seguindo o refraneiro, dende Santos ao Nadal é inverno natural.
"As temperaturas vanse pór case a cero pero, ben, nesta época do ano é normal".
"Vén de camiño. Non sei se o mércores ou o xoves, pero, de momento, estase ben".
"Hai que acender a cociña para combater o frío e maila calefacción".
O cambio non será radical, dunha hora para a outra. Prevese que o tempo vaia arrefriando conforme avance a semana. O xoves será posiblemente o peor día, aínda que, coma todo, depende para quen.
"Como é o meu primeiro frío aquí, forte porque me estou adaptando".
"Moi abrigada pero gústame o frío de aquí. É o primeiro inverno que vou pasar en Galicia. Cuba é un país moi quente e este frío encántame".
"En novembro, son típicas as situacións de suroeste con precipitacións e vento forte, que é o que tivemos ata agora, e a outra situación moi típica é a influencia anticiclónica, ventos do nordés, chegadas de masas de aire frío, que xustamente é o que temos esta semana", resume Lage.
Semana fría, pero seca e soleada, perfecta para desfrutar das estampas propias do outono... e de ríos e fervenzas, a rebentar despois da chuvia dos últimos días.