A Garda Civil intercepta un vehículo que circulaba en sentido contrario pola N-525
Cortoulle o paso na rotonda de Santa Lucía, un dos principais accesos a Santiago
O condutor deu negativo en alcol e drogas, e todo puido deberse a un descoido
Os axentes estaban na rotonda de Santa Lucía axudando á retirada dun vehículo avariado. Foi o traballador do guindastre quen advertiu que había un coche circulando a contramarcha no medio do tráfico. A resposta da patrulla non se fixo esperar, cortoulle o paso na rotonda antes de que se produciran danos.
"Ía en sentido contrario da circulación xiratoria da glorieta e moito nos tememos que había risco de que se metera así nalgunha das vías desdobradas ás que se accede desde alí", explica Javier López Dopico, capitán da Garda Civil de Tráfico.
A infracción produciuse nunha zona de moito tránsito, onde conflúe a N-525 coa entrada das autoestradas. O condutor deu negativo no control de alcol e drogas. Ao parecer todo se debeu a un descoido sen intencionalidade. Pero pode saírlle caro.
"Enfróntase a unha multa de 500 euros e 6 puntos de carnet. Ademáis, se observamos que as condicións psico físicas do conductor non son as adecuadas para conducir, tamén propoñemos que se revise ese permiso".
Despois do sucedido, Tráfico insiste.
"A recomendación máis básica pero fundamental: manter unha atención permanente na conducción".
Así que toda a concentración no volante, evitando manexar o móbil, a radio, o GPS ou mantendo conversas que poidan comprometer a nosa seguridade e a do resto dos usuarios da vía.