A receita médica é unha garantía de seguridade para a saúde dos pacientes
Automedicarse ten riscos
Aparición de resistencias, toxicidade, falta de eficacia ou o enmascaramento dunha doenza
Comeza unha campaña participada por médicos e farmacéuticos para concienciar da importancia da receita médica, unha soa, a oficial.
"Os médicos que traballan de xeito privado teñen un modelo de receita oficial que ou ben traen un código de barras ou código QR que identifica esa receita como única, e isto é unha garantía para o paciente para que siga o seu tratamento, e dende logo non se fagan falsificacións ", explica o farmacéutico Ignacio Labella.
A receita é unha ferramenta sanitaria fundamental para garantir a seguridade dos pacientes. Non todos os fármacos a precisan, pero non significa que un se poida automedicar sen consultar o farmacéutico.
"Moitas veces nos atopamos con pacientes moi polimedicados que aparentemente o que teñen é unha doenza menor, pero pensamos que o risco de darlle algo sen receita non é algo que queiramos facer, e mellor mandalos ao médico", continúa.
As mulleres son máis propensas á automedicación.
"Evidentemente, agora acabo de mercar algo porque me doe a cabeza".
"Se tes unha tos ou así, coma os xaropes normalmente son libres, veño e un xarope ou así", contan dúas señoras.
"Nunca sabes todo o que levan os medicamentos, entón pode ser que por moi, moi pequena que sexa a dose te prexudique noutras cousas", apunta unha rapaza.
Aí entra en xogo a responsabilidade do farmacéutico.
"Non estamos dispensando caramelos, son medicamentos e, aínda que non precisen, poden ter algún tipo de contraindicación segundo o paciente e, vaia, temos que facer unha boa entrevista ao paciente para saber se podemos darlle ou non eses medicamentos", puntualiza o farmacéutico.