20 graos en Ourense de oscilación térmica
A temperatura máxima que se agarda hoxe na cidade das Burgas é de 25 graos, e pola mañá había menos de 5
En Calvos de Randín marcaron as mínimas de Galicia, un grao baixo cero
Metidos de cheo na primavera, son días de grandes oscilacións térmicas. Pola mañá hai que abrigarse e ao mediodía sobra case toda a roupa. En Ourense, con 20 graos de diferenza, pasan do gorro de la ao bañador, literal.
24 de marzo, esperta a cidade de Ourense a catro graos e medio. Así, con esta friaxe, para saír da casa cómpre ir abrigadas. Plumífero, bufandas e ata gorros de la vimos esta mañá de primavera.
Cinco horas despois, contra o mediodía, xa temos que empezar a quitar capas, como as cebolas. O problema é que hai que andar cargando coa roupa.
E haberá que seguir sacando roupa, porque 25 graos dá a Axencia Estatal de Meteoroloxía para esta tarde en Ourense e en Ribadavia.
A máxima de Galicia onte, en Ourense, preto de 25 graos xa, en Calvos de Randín hoxe a mínima foi dun grao negativo. Con esta oscilación térmica, de máis de 20 graos, de todo atopamos, dende bufandas a traxe de baño.
Aproveiten esta tarde que parece de verán que mañá baixan as temperaturas e vén o vento do norte. Así é a primavera, cambiante.