O vento complica o control do incendio en Bejís
Hoxe chegarán máis medios aéreos e terrestres á zona
Estabilizado o incendio na Vall d'Ebo
Ao longo do día de hoxe chegarán máis medios aéreos para sumarse á loita contra un incendio que segue descontrolado na provincia de Castelló por mor do vento cambiante. Tamén a UME enviará máis reforzos terrestres. Nas últimas horas multiplicábanse os focos que xa se estenden ao longo dun perímetro de 120 quilómetros. O que máis preocupa agora é que as lapas alcancen o parque natural da Serra Calderona. Pero non é a única fronte.
A última hora de onte, o avance imparable das lapas obrigaba a decretar o confinamento de Alcublas e Andilla e desaloxar tres localidades máis, xa na provincia de Valencia.
No incendio da Vall d'Ebo, na provincia de Alacante, o vento volveu reavivar durante esta noite algún foco que xa fora apagado. Con todo, a evolución é mellor. Xa non hai estradas cortadas e autorizouse a volta de evacuados ás súas casas.
Entre o incendio de Bejís e este xa van calcinadas máis de 25.000 hectáreas.