Publicador de contidos
Publicador de contidos

O venres remata a peor campaña da nécora do último decenio

O venres remata a peor campaña da nécora do último decenio

Colléronse 83.000 quilos, un 21 % menos ca na costeira anterior

Os ingresos caeron de 2 a 1,6 millóns de euros

O sector valora a flexibilización horaria que se aprobou para recoller e largar as nasas

A campaña da nécora caracterizouse pola escaseza de capturas
G24.gal 02/01/2024 14:11

O Saraiba foi virar esta mañá seis caceas ao abrigo do espigón do Grove. Foi a excepción, porque a gran maioría dos vinte barcos que andan á nécora nesta vila xa teñen as nasas a bordo ou van cambiar aos trasmallos en breve. Eles xa dan por rematada unha costeira que, oficialmente, acaba o venres

Samuel Vázquez, patrón do Ardilla, di que esta foi unha campaña mala e que xa levan uns anos de declive. Os datos provisionais confirman esa opinión.

A costeira vai rematar en Galicia con pouco máis de 83.000 quilos e 1,6 millóns de euros ingresados en primeira venda. Respecto á campaña anterior é unha caída do 21 % nas capturas (106.000 quilos) e do 17 % na facturación (2,0 millóns de euros).

Hai que retroceder ata 2013 para atopar unhas cifras tan escasas. Daquela colléranse en Galicia 92.000 quilos polos que se ingresaran 1,4 millóns de euros.

A lonxa do Grove tivo un prezo medio de 31,5 euros en 9.000 quilos poxados A lonxa do Grove tivo un prezo medio de 31,5 euros en 9.000 quilos poxados

Escaseza xeneralizada e prezos altos no Nadal

Os comercializadores confirman a escaseza. Rafael Vilas, de Mariscos Lukas, di que eles acoden a varias poxas e que houbo pouca nécora en Vigo, nas lonxas da Arousa ou nas rías da provincia da Coruña. Na súa cetaria só lle queda sen vender un par de quilos de exemplares desta costeira.

Os prezos máis elevados de toda Galicia nesta especie rexístranse na lonxa do Grove. O día 28 vendéronse 5 quilos a 107 euros. Foi nécora grande: desas de 3 ou 4 nun quilo.

As altas cotizacións do Nadal son habituais pero máis importante se cadra foi o prezo medio que se acadou nos 9.000 quilos poxados nesta vila: 31,5 euros.

Outras lonxas como A Coruña ou Ribeira, que venderon 18.000 e 12.000 quilos respectivamente, tiveron un prezo medio de 15 e 18,5 euros. 

A boa noticia que deixa a campaña para as embarcacións que traballan con nasa de nécora e camarón foi a flexibilización horaria (2 horas na largada das nasas e 1 na recollida), unha medida que levaban tempo reivindicando e que debe confirmarse na próxima campaña.

A veda comeza o sábado 6 de xaneiro e rematará o 30 de xuño.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade