Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os prezos dos turróns e as carnes típicas do Nadal soben arredor do 10 %

Os prezos dos turróns e as carnes típicas do Nadal soben arredor do 10 %

O prezo da enerxía e de materias primas, como o azucre ou o mel, nótase nos obradoiros de doces

A carne de cabrito, cordeiro ou leitón xa subiu e non se agardan grandes cambios con vistas ao Nadal

G24.gal 28/11/2022 14:57 Última actualización 28/11/2022 15:24

Nun obradoiro da Estrada traballan arreo para que o turrón poña un pouco de alegría nas mesas despois dun ano en que case todo subiu, especialmente a luz e algúns dos ingredientes máis usados na elaboración da sobremesa máis tradicional.

"O custo da luz leva unha suba do 300 %, e a materia prima tamén subiu moito, o azucre un 100 % o chocolate un 4 %", explica Antonio Sanmartín Chao, da pastelería Mimela da Estrada.

Parte desta suba, a dos ingredientes, repercute no prezo dos turróns, que, de media, encarecen un 10 %. Os consumidores nótano, pero a produción e os pedidos mantéñense igual ca en anos anteriores.

"Para unha tableta ou dúas que merco ao ano, non imos renunciar..."; "Hai que mercar sempre algo, que é Nadal, pero pouco que este ano está todo moi caro", din uns veciños desta vila pontevedresa. 

A inflación tamén se nota nas carnes máis típicas das festas. O cordeiro, o cabrito, ou o leitón xa subiron nos últimos meses e polo momento os pedidos con vistas ao Nadal van lentos.

"Esa carne xa subiu de xeito considerable, entre un 10 e un 15 %", di Jesús Somoza, un dos carniceiros da praza de abastos de Lugo.

A maioría dos carniceiros deste mercado de abastos non prevén novas subas para o Nadal. Pero tampouco descartan sorpresas de última hora.

"Eu penso que quedan estancados os prezos, xa subiron moito", engade Mari Carmen Rodríguez, outra das carniceiras.

"Pois eu penso contra as datas de Nadal subirán máis, coma todos os anos", di o carniceiro Rafael Díaz.

Pero, de novo, din, a xente está disposta a facer o esforzo. Aínda que sexa en menor cantidade, pero algo especial sempre mercan.

Despois de apertar o cinto neste ano, moitos teñen ganas de despedilo con bo sabor de boca. E nada mellor que facelo apostando por produtos de proximidade como os das nosas prazas e os obradoiros artesáns.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade