Publicador de contidos

Publicador de contidos

O turismo en Galicia segue unha tendencia crecente nas últimas décadas, por María Bastida

OPINIÓN

O turismo en Galicia segue unha tendencia crecente nas últimas décadas, por María Bastida

G24.gal 28/09/2023 09:13

Malia un desenvolvemento tardío en relación con outros territorios, o turismo en Galicia segue unha tendencia crecente nas últimas décadas, ata o punto de que contribúe á economía galega nunha porcentaxe similar á media estatal.

Galicia ten os recursos e as capacidades necesarias para desenvolver todas as modalidades imaxinables de turismo, sexa rural, urbano, industrial, termal ou gastronómico. O enorme potencial dos Camiños de Santiago exerce un importante efecto tractor, tanto no que se refire á imaxe exterior de Galicia como na súa vertente de ferramenta de dinamización e redistribución económica.

Evidentemente, persisten algunhas debilidades. Por exemplo, boa parte do turismo concéntrase nas provincias atlánticas, e o groso dos nosos visitantes segue sendo nacional. No horizonte empezan a aparecer algunhas reticencias vinculadas coa suposta masificación dalgunhas zonas turísticas, de igual forma que os nosos ingresos por pernoitas, tanto no prezo como na duración media das estadías, se atopan entre os máis baixos do país.

Con todo, a ninguén lle escapa que temos un gran territorio que ten moitas cousas que ofrecer. Isto é particularmente importante no contexto actual, onde se detecta unha tendencia á alza de turistas ansiosos de mellorar a calidade na experiencia turística, centrada no descanso e a procura de contornas tranquilas, próximas a puntos culturais, a gastronomía, o patrimonio e a natureza. Cada vez, ademais, búscanse experiencias máis personalizadas, o cal implica unha enorme capacidade de crecemento e expansión. Galicia debería saber aproveitar este potencial e implicar a todos os actores no sector, para que conxuntamente se poida implantar unha estratexia de desenvolvemento planificado. No centro do desenvolvemento, a plena consciencia dun conxunto de recursos capaces de dar resposta aos cambios recentes nos hábitos sociais, que apuntan a destinos verdes, sostibles, saudables, con bo ambiente e unha paisaxe agradecida.

Asemade, temos capacidade para diversificar a oferta, activando distintas pancas de crecemento. As Rías, os Camiños, a Ribeira Sacra, os paraísos interiores descubertos e por descubrir, os mostrados e os que quedan por mostrar. Moitas veces, a tiro de pedra dos circuítos convencionais.

Precisamos avanzar na profesionalización do sector e a creación planificada de produtos. Gañar visibilidade nos mercados internacionais, mellorar o manexo de idiomas e, sempre, na especialización e atención ao cliente. Achegar servizos complementarios que permitan construír experiencias personalizadas que dean como resultado visitantes satisfeitos e fidelizados.

En definitiva, seguir transitando por camiños xa ensaiados, pero tamén aventurarse por outros novos. Converter a nosa oferta de turismo tranquilo, sosegado, natural, verde, mariño e rural na mellor do mundo. Por se alguén o dubida aínda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade