Varios mariñeiros da ría de Muros e Noia estudan combinar a pesca co turismo
O patrón do Maraxe di que poría a pesca artesanal en valor e reduciría o esforzo pesqueiro
Manuel traballa no mar desde os trece anos. Actualmente é o patrón do Maraxe. Anda seis meses ao marisco e outros seis ao peixe: sardiña, xurelo, xarda...
"A pesca está pasando momentos apurados. Moita burocracia e moitas limitacións e cotas desde Europa", explica Manuel Pérez Blanco.
Manuel estuda compaxinar a actividade pesqueira co turismo e levar visitantes a bordo. Afirma que axudaría incluso a poñer en valor a pesca artesanal.
"Estamos cambiando os hábitos de consumo, comendo peixe de fóra, que non ten a mesma trazabilidade, cando aquí temos un produto moi bo, de moi boa calidade, que precisa que se lle dea máis valor", reflexiona.
De momento, bota contas. Para levar xente ten que facer investimentos en seguridade, e nun barco como o seu, dedicado á actividade pesqueira e de menos de oito metros, só poden ir dous pasaxeiros a maiores da tripulación.
Asegura que se a normativa lles permitise máis, o proxecto sería rendible e implicaría tamén un menor esforzo pesqueiro.
"Poder sacar máis rendibilidade da xente e un pouquiño menos esforzo do mar", precisa.
Manuel sostén que non é o único mariñeiro na ría de Muros-Noia interesado no turismo pesqueiro e confía en lograr un cambio na normativa se actúan unidos.
"Se fósemos máis sempre poderiamos loitar un pouquiño máis tamén", puntualiza.