A praza de abastos de Santiago, un dos moitos atractivos turísticos de Compostela
É visita obrigada para probar a gastronomía e mercar agasallo
Os turistas buscan produto de proximidade, calidade e feito á man
A nave número 5 da praza de abastos de Compostela dedicada á restauración, é desde media mañá punto de encontro de turistas, visitas guiadas e compradores habituais. Alí teñen a oportunidade de probar os produtos do país que chegan directamente das lonxas e do campo.
Entre a actividade habitual do mercado do sábado, sempre concorrido, atopamos a media mañá turistas que xa están dispostos a probar a nosa gastronomía. No posto de marisco escollen o que será o seu menú. Nuns minutos está cociñado e servido acompañado dun viño galego.
"Pican aquí unha cousiña así rápida: unhas zamburiñas, unhas vieiras, unhas ameixas, berberechos, percebes... Temos de todo. Eles elixen o produto, ven o que hai aí e eu xa llo fago. É unha cociña aberta, sen trampa nin cartón. Preparámosllo e despois temos unha viñoteca onde o van comer" di Miguel Galván do Cangrexeiro.
Gústalles, aprezan os nosos produtos do mar e din que volverán. Danlles valor aos produtos de proximidade, colleitados no día ou transformados para poder levalos de recordo ou de proba para quen non veu. A praza convértese tamén no mellor mercado de agasallos.
"Viñemos facer un treito do camiño de Santiago e coma sempre levo algo de queixo e tarta. Merquei queixo de Arzúa, marmelo, patés e agora quedan as tartas", di unha peregrina.
"A verdade é que son clientes que veñe todos os anos, facendo o camiño... Teño un cliente que sempre me di que el vén ver o Apóstolo e a min. É xente que é de lei e tesllo en conta", explica Dora Nogueira da chacinería Lolita Cardelle
Outra venda que non falla é a artesanía. Os turistas queren o feito á man.
"Gastan e non preguntan o que custa se é un produto artesán e ecolóxico, orgánico, algodóns e produtos de materiais naturais" Di Chus Recouso, de Breca Artesás
En Santiago as dúas prazas, a do Obradoiro e a de abastos, comparten os visitantes. A unha chegan e pola outra pasan antes de marchar.