Veciños e forasteiros deléitanse coa exhibición das alfombras florais en Ares
En Ares engalanaron as rúas con flores para celebrar o Corpus
É unha festa de interese turístico de Galicia que atrae miles de visitantes á vila durante a fin de semana
A procesión puxo fin ás celebracións do Corpus en Ares este domingo pola tarde. A comitiva desfilou por riba das alfombras florais que ducias de persoas remataran de elaborar de madrugada.
"Vimos o principio, cando as estaban empezando a montar polo serán e soubemos que pasan toda a noite facéndoas e madrugamos para velas. É moi bonito. Vimos todos os nenos divertirse poñendo cunchas e flores. Incrible, moi chulo", conta unha parella de visitantes.
"Toda a tarde e toda a noite estiveron aí. Ten moito choio, moito traballo", di un veciño.
"Esta noite estivemos na rúa María, onde a alfombra está baseada na película 'Del revés'. Cada debuxo é unha emoción. Estiven coa miña filla, colocando un pouco de verde", explica unha moza que participou na confección das alfombras.
Estes tapices efémeros cubrían cinco treitos en distintas rúas, con motivos mariñeiros ou relacionados coa emigración e os indianos, para deleite de veciños e forasteiros.
"Cada ano están máis bonitas, Encántanme". "Moi ben, moi traballado, gústanme moito", din dúas veciñas.
"Estamos de viaxe, somos de Miami, encántanos. Isto é unha preciosidade. Non sabiamos que estaban de festa e atopamos isto cando almorzabamos e é moi lindo", explica unha turista.