A chuvia atrasa a sementeira da pataca na Limia
As leiras están anegadas e os agricultores non poden meter maquinaria para preparar a terra
O cereal de primavera tamén está afectado
En mes e medio caeron 250 litros por metro cadrado, a metade do habitual nun ano enteiro
Desde o aire, os terreos de cultivo da Limia semellan unha inmensa charca, con ras incluídas, onde é imposible meter un tractor.
"Aínda non se entrou nin ás terras, nin o primeiro pase de tractor, porque están moi molladas e estes días volveu chover moito", asegura Camilo Maus, produtor de Sandiás.
A mediados do mes de maio adoita estar sementada a metade da pataca, pero aínda nin empezaron nin contan poder facelo cando menos en dúas semanas.
"A estas alturas, en circunstancias normais, todo o que non é lagoa estaría plantado e na zona da lagoa xa estarían avanzados os traballos de ter as leiras aradas, roturadas e abonadas", explica Servando Álvarez, técnico do INORDE.
E canto máis tempo tarden en sementar, explican, máis risco hai de que se deteriore a semente que teñen almacenada.
Servando Álvarez, técnico do INORDE: "Iso en números tradúcese en que un agricultor medio, con 15 ou 20 hectáreas, ten en semente entre cincuenta e sesenta mil euros no almacén. Un custo importante".
O cereal de primavera, que normalmente sementan en marzo, tamén está sen plantar na súa maioría. Algún atreveuse, pero non vai adiante porque seguiu chovendo.
"Sementáronse algunhas das máis altas, non na lagoa, senón aquí arriba, pero, como veu tanta chuvia, a metade do que se sementou hai que sementalo de novo", explica Camilo.
Á chuvia, 250 litros por metro cadrado desde abril, súmase, subliñan os agricultores, o deficiente estado das canles para desaugar.