Publicador de contidos

Publicador de contidos

A sementeira da pataca arrinca cun mes de atraso

A sementeira da pataca arrinca cun mes de atraso

Os traballos van máis lentos do que deberían pola deterioración da semente

Hai leiras nas que aínda non se pode entrar pola humidade

 

G24.gal 27/05/2025 14:38

Os tractores invaden a chaira da Limia. Uns preparan as terras e outros comezan a sementar, cun mes de atraso sobre o habitual.

"Agora xa tiñan que estar nacendo ou algo grandiñas. Tiñamos que estar rematando ou con todo acabado xa, e aínda estamos comezando a sementar", sinala Daniel Joga, un dos maiores produtores da Limia.

A un quilómetro e medio por hora circula o tractor pola leira. Ten que ir amodo para que lles dea tempo de seleccionar as patacas, porque, ao sementar tan tarde, fóronse deteriorando nos almacéns:

"Está moito máis minguada e dá máis traballo sementala, porque as máquinas, cando a pataca ten gromos, fallan máis e a xente ten ir poñendo a pataca nas coitelas que faltan", sinala Joga.

A sofisticada maquinaria que empregan os grandes produtores da Limia facilita os labores, pero aínda hai moitas leiras nas que non poden entrar pola humidade.

"Só podemos entrar nas leiras máis sas, areosas. Nas molladas aínda non somos capaces de entrar", explica Daniel. 

Calculan que ata o momento levan sementado un trinta por cento da superficie habitual, pero, se o tempo segue así, esperan ter rematado para mediados de xuño.

"Hai zonas máis secas e outras máis enxoitas, coma o seu nome indica, Vilaseca, Piñeira Seca... que xa teñen avanzado algo. Pero ás zonas máis profundas da Limia aínda lles quedan quince ou vinte días", di Servando Álvarez, técnico do INORDE.

Ao sementar tan tarde non poderán recoller, calculan, ata o mes de outubro, cando a chuvia pode volver supoñer un problema, como ocorreu o ano pasado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade