Moitos hoteis caninos están a colgar xa o cartel de completo para xullo e agosto
Co verán á volta da esquina, moitas familias planifican as vacacións e deciden deixar os seus cans en establecementos especializados
Moitas residencias caninas ofrecen ademais da estancia e dos coidados básicos, servizos de adestramento e contan con veterinarios
Os cans pasaron de ser mascotas a converterse para moitos nun membro máis da familia.
Este tipo de establecementos como o que visitamos este sábado proliferaron nos últimos anos. Axudan a aquelas persoas que non os poden atender durante un tempo, ben sexa por traballo ou por vacacións.
Moitos hoteis caninos están a colgar xa o cartel de completo con vistas ao verán. As reservas fanse cada vez con máis antelación, ás veces xa dun ano para outro.
"Notamos ao longo dos anos que as reservas se fan con máis anticipación. O ano pasado moitos clientes habituais chamaban e xa estaba completo, entón agora xa me reservan con máis tempo. Xa teño reservas para o verán, aínda teño prazas pero xa teño unha ocupación bastante importante. A estancia media soe ser de catro día, pero no verán poden chegar a quince días e incluso un mes", di Adela Romay, propietaria e xerente de Mi segunda Caseta.
Nesta residencia canina, situada en Culleredo, contan con 26 habitáculos, cun prezo medio de 21 euros por día. A maioría destes establecementos ofrecen diferentes servizos: ademais da estancia, hai adestradores e teñen veterinarios de man.
"Ter un can é moita responsabilidade e hai que pensalo moi ben. O importante é que xa que non están na súa casa que estean ben, relaxados e felices", engade Adela.
Micaela é unha usuaria deste tipo de establecementos, veu recoller a súa cadela Pulga despois de varios días nestas instalacións.
"Nestes sitios a coidan, trátana ben, sabes que está ben e ademais son moi atentos, mandábannos vídeos do can para que viramos que estaba ben e nós quedamos máis tranquilos", destaca Micaela.
Ante a proliferación deste tipo de negocio, os propietarios de hoteis caninos recomendan escoller sempre establecementos especializados con licenza e con persoal cualificado.
