O TSXG autoriza á Xunta a prorrogar ata o 26 de febreiro o certificado covid

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia autorizou á Xunta a prorrogar en toda a comunidade autónoma, ata o próximo 26 de febreiro, a esixencia de presentar o certificado covid–19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para desenvolver unha serie de actividades.
Os maxistrados consideran que é necesario ampliar a vixencia da medida pola situación epidemiolóxica da comunidade e o risco de transmisión do virus. O documento seguirá sendo requirido para entrar nos locais de hostalería e de ocio nocturno e mais para acceder ás residencias de maiores e persoas con diversidade funcional, a instalacións pechadas en que se practique actividade física e deportiva non federada, a piscinas cubertas, albergues turísticos e a eventos multitudinarios.
O certificado tamén se esixirá nas visitas aos pacientes ingresados en hospitais. O TSXG conclúe no auto, contra o que cabe presentar recurso, que se mantén o xuízo de “idoneidade, necesidade e proporcionalidade” da medida, pois os valores que amosa o estudo técnico achegado pola Consellería de Sanidade “seguen sendo elevados, o cal indica que o virus continúa tendo unha elevada circulación”.