Publicador de contidos

Publicador de contidos

"O meu pai salvouse de milagre", di a filla dun venezolano vítima do terremoto

"O meu pai salvouse de milagre", di a filla dun venezolano vítima do terremoto

Krystal Alvarado, natural da Guaira e residente en Ourense desde 2015, estaba falando co seu pai cando empezaron os tremores

A comunidade de venezolanos en Galicia mobilízase para enviar material sanitario

G24.gal 27/06/2026 14:54

No momento en que a terra tremeu en Venezuela, Krystal falaba por videochamada co seu pai, residente na Guaira.

"Estabamos facendo unha videochamada con el, conversando, e de repente berra 'está tremendo', pero con moito medo. El corre e nese momento vaise a conexión da videochamada", relata Krystal.

Tardaron horas en saber que saíra con vida.

"A miña familia está ben, pero teño amigos que non sobreviviron, familias enteiras cos seus fillos", di aguantando as bágoas.

Era un edificio de oito andares que quedaron reducidos á metade. O quinto piso, no que vivía o seu pai, quedou á altura da rúa. 

"El cóntanos que, en canto sentiu o tremor, saíu correndo á cociña e xa viu que a cociña se viña para adiante, que iba caer. E eu pregunteille 'puideches abrir a porta rápido? como fixeches?' e el dime 'cando ía saír, xa non había porta'. 'Ou me lanzo ou morro aquí aplastado'. Claro, na súa mente, estaba nun quinto piso, pero cando se vai lanzar, o piso xa estaba ao nivel da rúa", relata Krystal.

Coma ela, moitos venezolanos residentes en Galicia seguen con preocupación as noticias que van chegando.

Manuel Pérez Vidal, presidente da Federación Venezolana en Galicia: "A xente chorando pola impotencia de non poder axudar. Pero si que podemos axudar".

A federación galega de venezolanos xa se está mobilizando para enviar axuda. O máis urxente, material sanitario.

Lorenzo González Rodríguez, presidente da asociación de venezolanos en Ourense: "Nun primeiro momento, para atender os feridos, fan falla un tipo de medicamentos. Pero a medida que vaia evolucionando a traxedia xa fan falta outros. Estamos tendo conversas con xente profesional".

Estanse reunindo co colexio de farmacéuticos e con empresas locais e ONGs para coordinar o proceso de recollida e envío de material.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade