Publicador de contidos

Publicador de contidos

A pirotecnia volve estar na polémica despois de que algúns concellos cuestionen o seu uso

A pirotecnia volve estar na polémica despois de que algúns concellos cuestionen o seu uso

En Padrón veñen de anunciar que non empregarán foguetes nas festas durante os meses de alto risco de incendios

O sector da pirotecnia defende a alta regulamentación da actividade e alertan da posibilidade de emprender accións legais

G24.gal 27/06/2026 14:26 Última actualización 27/06/2026 14:51

O uso de fogos ou foguetes nas festas está no centro da polémica despois de que algúns concellos cuestionaran a súa utilización aludindo ao perigo de incendios ou a molestias polo ruído. O concello de Padrón emitiu  un bando no que se anunciaba que deixaría de usar a pirotecnia durante os meses de alto risco de incendios, xusto despois de que un lume forestal devorara 350 hectáreas na zona hai quince días.

"Total respecto a que o concello non queira usar pirotecnia, cada un decide como quere programar os seus espectáculos. Con respecto ás recomendacións ao resto da poboación pois entendo unha recomendación de uso responsable, pero non entendo restrinxir unha actividade nun concello como o de Padrón, cunha tradición de pirotecnia nas súas festas", comenta o vicepresidente da Asociación Galega de Pirotecnia e tamén da española.

Tamén o concello de Vilagarcía de Arousa está a estudar a redución da pirotecnia nas festas polas molestias do ruído a persoas e animais. Por estas actuacións, dende o sector pirotécnico anunciaron que denunciarán e pedirán compensacións aos que cancelen de xeito unilateral os contratos asinados. 

"Unha cousa é que un concello recomende e outra que a xente lle faga caso ou non. En función do perxuizo que se poida ocasionar está enriba da mesa o de tomar medidas de responsabilidade patrimonial de administración polo dano a un sector que cumpre a lexislación vixente", asegura Santiago López.

En Padrón, onde se anunciou a renuncia a usar foguetes nos festexos a opinón amósase dividida. Por un lado os que defenden a tradición e mesmo a supervivencia dun sector económico; pola outra, os que sinalan o risco de incendios e as molestias para a veciñanza e para os animais.

Segundo datos do sector, en Galicia hai quince empresas dedicadas á pirotecnia que aglutinan douscentos traballadores e que facturan aproximadamente uns catro millóns de euros anuais.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade