O barrio da Torre lembra os falecidos na explosión da pirotecnia ilegal de Tui
Oito anos despois da traxedia, das 33 casas derrubadas, 17 están reconstruídas
A veciñanza lembrou un ano máis o matrimonio que faleceu na explosión
Tal día coma hoxe, un 23 de maio de 2018, a explosión dunha pirotecnia ilegal en Tui deixaba un matrimonio falecido e máis de trinta vivendas destruídas. A veciñanza lembrou este sábado aquela traxedia na zona cero da catástrofe.
Ás 16:23 horas, a hora D daquel día fatídico, fixeron unha ofrenda floral e gardaron un minuto de silencio en homenaxe ás vítimas. O monolito na súa honra está feito dunha pedra daquela casa que sepultou a Abdelkhalek, de 56 anos, e a Ezzouralle, de 45.
Entre o antes e o despois pasaron oito anos. A loita colectiva baixo o paraugas da primeiro Plataforma, agora Asociación de Afectados pola Explosión Paramos-Guillarei, conseguiu que das 33 casa derrubadas polo estoupido, 17 foran reconstruídas.
Neste tempo, todas as persoas afectadas cobraron as axudas das distintas administacións pero 16 propietarios non edificaron unha nova casa. O traballo da organización veciñal incidiu nun cambio, as achegas a zonas declaradas zona catastrófica quedarían exentas de tributacións fiscais.
"E hoxe poder pasar polo barrio, ver que as casas están construídas, e que fomos ademáis un exemplo, que a nosa loita e o que nos acadamos pode axudar outras persoas que pasen por outra catástrofe é o mellor. E hoxe en día é un orgullo dicir: o que fomos capaces de facer uníndonos todos os veciños. Realmente foi bonita esa unión veciñal", conta Salvador García, presidente da Asociación de Afectados pola Explosióm Paramos-Guillarei.
"Porque aquí os tellados voaron. Non os 33. Voaron os tellados de cento e pico casas. Entón había moita xente que estaba moi mal nas súas casas. E que puidesen regresar ás súas casas... iso é o maior orgullo. Hai pena de que algunha persoa maior faleceu porque non lle deu tempo a reconstruíla e poder voltar á súa casa. Queda esa espiña clavada.", engade emocionada Lupe Pérez, a secretaria da Asociaón de Afectados pola Explosión Paramos-Guillarei.
Mentres agardan a firmeza da sentenza que repartirá o resto das indemnizacións e que afastará o condenado a catro anos de cadea, Francisco González, do exercicio da pirotecnia por 18 anos e deste barrio da Torre por 6 anos, non esquece a parella falecida.