Publicador de contidos

Publicador de contidos

O tren de borrascas que vén afectando España bota un pouco o freo

O tren de borrascas que vén afectando España bota un pouco o freo

Este domingo venteou menos e a retirada das chuvias aliviou as zonas inundadas

G24.gal 15/02/2026 20:59

A borrasca Oriana motivou este domingo avisos, sobre todo, por vento, pero tamén por mal estado do mar, por aludes nos Pirineos e por chuvia, nalgúns puntos de Galicia. 

En todo caso, venteou menos que o día anterior e a interrupción das chuvias fortes, xa desde o sábado, nas zonas máis afectadas polas inundacións das borrascas pasadas deu un respiro. En Castela-A Mancha, por exemplo, a mellora da situación dos ríos permitiu a retirada da UME.

"Xa non temos risco de inundacións. O único é que hai que ter un pouco de paciencia porque ao subir o nivel freático nalgúns sotos e casas poe seguir saíndo auga polos sumidoiros ou polo retrete, pero iso vaise resolver pouco a pouco, a medida que vaia baixando o nivel freático", explicaba a voceira do goberno de Castela-A Mancha.

Boas noticias tamén para os veciños de Grazalema. A localidade gaditana, desaloxada por completo o día 5, debido á presión dos acuíferos sobre os que está asentada, vai empezar a recibir algúns veciños. Anunciouno o presidente andaluz, que os visitou no pavillón que habilitaron para eles en Ronda.

"Vai haber zonas onde imos permitir que volvan os veciños e podería ser de forma inminente. Se tomamos a decisión esta tarde, pode ser mañá mesmo. Pero co resto imos tardar porque ata que non nos vaian certificando que a zona é segura non se vai autorizar", explicaba Juanma Moreno.

Queda, iso si, moito por facer. Só en Andalucía hai 33 concellos sen subministración de auga potable e máis dun cento de estradas afectadas polos temporais.
O vento furacanado do sábado suma tamén numerosos estragos, fundamentalmente na Comunidade Valenciana.

"Pasei días de aire, de chuvia, pero o de onte non o vira na vida", di un home.

"Un furacán, pero ao bestia", sentencia unha muller.

"Voaron desde as placas solares do concello ata o teito do mercado, parte da piscina cuberta, dunha pista cuberta do polideportivo...", enumera a alcaldesa da localidade de Puçol.

Este luns o vento volve incidir no leste peninsular. En Tarragona pode haber refachos de 90 quilómetros por hora. Tamén vai haber bastante mar nalgúns puntos do Mediterráneo, en todo o Cantábrico e en Galicia, onde ademais hai aviso por chuvias.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade