Multa de 6.000 euros por facer motocrós nas dunas de Razo e Baldaio
A Policía Local pillou tres veciños de Carballo, entre 20 e 30 anos, en moto polas dunas
Praia, lagoa, marisma, xunqueira e dunas, cada un coa súa flora e fauna específicas. É o espazo natural de Razo e Baldaio, diverso e protexido por varias figuras ambientais. É, ademais, dos últimos refuxios que teñen algunhas especies case extintas.
"É unha das poucas praias, do 3 % das praias, que cría píllara das dunas, un ave da que só quedan 80 parellas en Galicia" explica Luís Amor, axente ambiental da UICOM. "E tamén temos o iberodes litorallis gallaecica, unha planta que -en todo o mundo- só existe na provincia da Coruña", engade.
Pois por esas dunas metéronse estes días tres rapaces para facer motocrós, nun momento especialmente sensible do ano.
"As motos erosionan un ecosistema xa débil, que é o dunar, pero ademais agora temos a píllara en época de cría, e o iberodes en período vexetativo, que é está só catro meses ao ano", di Amor.
Hai conciencia para protexer este patrimonio na zona e, de feito, veciños e paseantes alertaron a Policía Local en canto viron os mozos coas motos polas dunas. Malia que nun primeiro momento tentaron fuxir, colléronos e identificáronos. Son tres veciños de Carballlo, e a aventura pode saírlles a 6.000 euros por cabeza.
"Podería ser incluso máis, dependendo de se afecta especies ameazadas" explica Amor. "Hai tres anos pasou unha moto e pisou un ovo nun niño. Se falamos de afección a especies ameazadas xa non sería unha multa, iso é un delito", aclara.
Di que, por sorte, casos así son fabas contadas. E dá recomendacións para protexer este espazo: nin saír dos sendeiros, nin ceibar os cans, nin -por suposto- andar con vehículos a motor. Os danos poden saír caros en moitos sentidos.