Unha familia queda sen nada tras o incendio que calcinou a súa vivenda en Noia
O incendio orixinouse nun cuarto da vivenda, pero descoñécense as causas
O propietario do inmoble amosouse visiblemente afectado pola situación en que quedou a familia, que perdeu todas as pertenzas
O Concello de Noia ofreceulles axuda a través do departamento de Servizos Sociais, Cáritas e a Cruz Vermella
Os veciños alertaron os servizos de emerxencia ao ver o fume que saía polas ventás do primeiro andar do edificio no barrio de San Lázaro. Por sorte, non habia ninguen no inmoble afectado e os contiguos foron desaloxados. Segundo relata un mozo que vive no edificio de en fronte, cando viron saír fume pecharon as ventás e baixaron para avisar e desaloxar os veciños dos edificios próximos por precaución.
Outra veciña conta que se achegou cando viu fume para retirar o coche que tiña aparcado xusto debaixo do cuarto onde se iniciou o lume. Sacárono os servizos de emerxencia con algun dano provocado polas cinsas e resíduos que caeron das fiestras que arderon.
Ata o lugar desprazáronse o GES de Noia, Policía Local, Garda Civil e os bombeiros de Boiro. Segundo relata Xabier Lorenzo Agrafojo, responsable do Servizo de Emerxencia de Noia, o incendio foi dificil de sufocar polas altas temperaturas que se alcanzaron no interior da vivenda afectada, xa que foi un incendio de combustión lenta, polo que non habia lapas. Localizaron o punto de inicio do incendio nun cuarto do piso pero descoñecen as causas.
O edificio fora reconstruído hai 6 meses. Estreárano os inquilinos, un matrimonio, un fillo e a parella. Domingo Muíños, o propietario, amosábase visiblemente afectado, non pola perda material, senón pola situación en que quedou a familia. Unha familia de emigrantes venezolanos cos que empatiza porque el tamén foi emigrante hai anos.
Domingo ofreceulles outra vivenda pero decidiron pasar a noite na casa dun familiar. O concello tamen se puxo a disposición dos afectados para prestarlles a axuda que precisen a través dos Servizos Sociais, da Cruz Vermella e de Cáritas, como nos manifestaba Fran Pérez, o alcalde de Noia.
Mentres a vaga de solidariedade está en marcha, a Policia Xudicial da Garda Civil encárgase de investigar as causas do incendio.