Publicador de contidos

Publicador de contidos

O sospeitoso do asasinato de Cristina Cabo coñeceu a vitima a noite do crime

O sospeitoso do asasinato de Cristina Cabo coñeceu a vitima a noite do crime

O home arrestado levaba dous meses vivindo en Lugo e xa fora identificado pola policía pola participación no furto dun bolso

Policías ás portas da vivenda de Cristina Cabo en que foi asasinada (EFE/Eliseo Trigo)
G24.gal 30/11/2022 10:34 Última actualización 01/12/2022 07:48

O Corpo Nacional de Policía (CNP) confirma que o principal e único sospeitoso do asasinato de Cristina Cabo Buján no seu domicilio de Lugo coñeceu a vítima a mesma madrugada en que se produciu o crime, sen que existise antes entre eles “ningún contacto nin coñecemento previo”.

O sospeitoso, detido este martes, é un cidadán colombiano de 32 anos e, segundo informa a Comisaría Provincial de Lugo nun comunicado, no rexistro da súa vivenda foron “intervidos diferentes efectos, entre eles o computador portátil da vítima”.

O sospeitoso levaba dous meses en Lugo

O home permanece retido nos calabozos da Comisaría Provincial de Lugo, á espera de pasar á disposición xudicial, previsto para este xoves. Segundo fontes da investigación, levaba só dous meses vivindo en Lugo, onde se establecera en setembro.

Non obstante, a pesar do pouco tempo que leva na cidade, xa fora identificado en días pasados por axentes da Policía Nacional pola súa suposta implicación no furto dun bolso e ameazas á súa propietaria.

Resistiuse á detención

A policía revela que cando foi localizado polos axentes encargados do caso exerceu “unha gran resistencia á retención” e foi reducido polos efectivos policiais para o seu traslado á Comisaría Provincial.

Na comisaría destacan que o homicidio quedou resolto en menos de trinta horas, unha vez que se puxo en marcha a investigación, logo de que a irmá da vítima, que acudiu ao domicilio de Cristina Cabo ao non ter noticias dela desde o sábado pola tarde, deu aviso á policía a través da sala do 091, sobre as 22:00 horas do domingo, de que a atopara falecida no dormitorio da súa vivenda.

Investigación express

Axentes da Policía Científica analizaron o domicilio “durante 24 horas”, de “forma ininterrompida”, mesmo “coa colaboración de funcionarios da Xefatura Superior de Policía de Galicia, especialistas na aplicación de determinados reactivos”.

Pola súa banda, axentes da Policía Xudicial tomaron declaración a máis de vinte persoas da contorna da vítima, tanto a veciños do inmoble e do barrio como a familiares e amigos. Ademais, “o visionado” das gravacións das cámaras de seguridade foi “de grande axuda á hora de centrar a investigación”.

“A presión a que se someteu a investigación e mais o sixilo e a reserva con determinados datos”, precisa a policía, tamén foron importantes para pechar o caso. Ademais, “a colaboración cidadá” e as dilixencias desenvolvidas polos investigadores, que sinalaron o sospeitoso, un home con domicilio “no outro extremo da cidade” e co que a vítima “non tiña relación previa”.

Delatado e detido cando preparaba a fuxida

Fontes da investigación tamén precisan que o sospeitoso foi delatado por xente da súa propia contorna, o cal facilitou a súa detención. De feito, os mesmos informadores aseguran que os investigadores sospeitan que xa o tiña todo preparado para marchar en autobús ata León e, desde alí, organizar a súa volta a Colombia.

Unha vez identificado e localizado, un operativo formado por unha ducia de axentes realizou a detención.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade