Publicador de contidos

Publicador de contidos

Interrogan os achegados da muller de 42 anos que apareceu acoitelada en Lugo

Interrogan os achegados da muller de 42 anos que apareceu acoitelada en Lugo

De momento non hai ningunha persoa detida

A policía mantén todas as hipóteses abertas e o xulgado decreta o segredo do sumario

A muller pertencía á Plataforma Feminista de Lugo e rexentaba unha froitería na cidade

G24.gal 28/11/2022 18:03

Familiares, veciños e amigos  de Cristina Cabo Buján seguen declarando ante a policía en Lugo. 

 Axentes da Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta da Policía Nacional, buscan quen pode estar detrás do asasinato desta muller de 42 anos.

Cristina apareceu morta á última hora do domingo, con sinais de violencia, na súa casa. É unha vivenda do inmoble número 51 da rúa Quiroga, nas coñecidas como Casas Sindicais de Lugo.

Polo momento non transcenderon sospeitosos do caso, que se encontra baixo segredo de sumario.

"Tanto a Policía Xudicial como a Científica comezaron a recoller todos os indicios que poida haber no lugar dos feitos. Unha vez comunicado ao xulgado, isto entra en segredo de sumario. Xa se lle empezou a tomar declaración a todo o círculo da vítima, tanto de familiares como veciños ou amigos", di Manuel Arias, voceiro da comisaría de Lugo.

Fontes da investigación confirmarn que xa pasaron pola comisaría unhas sete persoas, e continuarán tomando declaracións ao longo deste luns.

Cristina Cabo Buján rexentaba unha froitería na rúa Mallorca, no barrio da Milagrosa. Apareceu morta con varias coiteladas no dormitorio do seu propio domicilio, despois de que familiares alertaran a policía porque non a atopaban.

A presidenta da Plataforma Feminista de Lugo, Ana Torrón, dixo que a muller asasinada pertencía a este colectivo e mesmo lera parte do manifesto desta organización durante a celebración do Día Internacional da Muller na capital lucense en marzo de 2021.

A investigación está a ser coordinada polo Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, que decretou o segredo de sumario.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade