Ascenden a 69 os mortos no accidente ferroviario de Urda
Medio cento de persoas continúan ingresadas en hospitais de Castela-A Mancha, 15 en estado grave
64 persoas denunciaron ante a Garda Civil a desaparición de familiares no sinistro de Urda
Os equipos de rescate buscan posibles vítimas entre os ferros dos trens sinistrados
EFE/J.J.Guillen
O número de vítimas mortais do accidente de tren de Urda elévase a 69, tal e como adiantou este xoves o presidente de Castela-A Mancha, Emiliano García-Page. O mandatario autonómico, que participou na reunión do Centro de Coordinación Operativa Integrada (Cecopi) canda o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, sinalou que ás 68 vítimas contabilizadas este mércores súmase outra máis procedente dun hospital.
En canto aos feridos, dos 110 ingresos que houbo este mércores nos hospitais de Castela-A Mancha, 60 xa están dados de alta e 50 permanecen aínda "en distintos niveis de preocupación".
García-Page quixo destacar a noticia "para nós positiva" de que catro dos 15 feridos que están "en código vermello" -os máis graves- "están evolucionando positivamente".
García-Page agradeceu o "récord absoluto de doazóns", -máis de 2.000 na área sanitaria manchega-, e animou a cidadanía a seguir doando, porque "seguiremos necesitando sangue".
"Agora o máis importante -afirma- é acompañar as familias das vítimas mortais e os feridos".
O presidente manchego agradeceu o labor dos 1.300 efectivos de emerxencia que traballan na zona, entre eles 150 efectivos sanitarios, entre ambulancias, UVI móbiles ademais de 7 helicópteros.
Explicou que este xoves os labores cétranse en "movementos de guindastre", especialmente "sobre o vagón que queda envorcado", na procura de posibles vítimas. Aínda que apareceron restos humanos, non cre que haxa máis falecidos baixo os ferros do convoi.
Comezan os labores de identificación dos 69 falecidos no accidente
24 horas despois do sinistro, comezan os labores de identificación dos 69 corpos que foron recuperados en Udra. O Instituto de Medicina Legal de Toledo recibiu xa un total de 52 cadáveres. Os médicos forenses realizaron un total de 8 autopsias, segundo informa o Centro Integrado de Datos (CID), constituído este mércores. Outros dous corpos de falecidos no accidente ferroviario atópanse no Instituto de Medicina Legal de Cidade Real.
O presidente rexional explicou que o proceso de identificación dos falecidos é "moi estrito", xa que leva "o seu propio protocolo" e incidiu en que a catástrofe deixou "en estado de shock" a toda España.
64 persoas denunciaron a desaparición de familiares ante a Garda Civil
A Garda Civil recibiu ata o momento 64 denuncias de persoas informando de familiares desaparecidos tras o accidente ferroviario deste mércores en Urda (Toledo).
Estas denuncias tramitáronse nas distintas oficinas que o Instituto Armado habilitou para os familiares das vítimas.
Polo menos 13 denuncias rexistráronse en Madrid, 9 en Toledo e 7 en Sevilla.