O servizo de tren en Vigo Guixar sufrirá modificacións por obras na liña do Miño a partir do 7 de abril
O servizo de tren en Vigo Guixar sufrirá modificacións por obras na liña do Miño a partir do 7 de abril
Durante un mes os trens con destino e orixe Santiago de Compostela ou A Coruña modifican a súa estación de saída e chegada a Vigo Urzáiz
Unha parte do traxecto da liña do Miño, onde se executarán as obras, farase por estrada durante un ano
Estación de tren de Guixar (Arquivo)
Renfe anunciou cambios temporais no servizo de tren con orixe e destino na estación Vigo Guixar desde o próximo 7 de abril, debido ás obras de modernización da liña do Miño, que Adif está executando en distintos puntos da infraestrutura.
Interrupción de trens
Os traballos, que afectan os traxectos Vigo Guixar-Redondela e Redondela-Guillarei, requiren a interrupción da circulación de trens, polo que Renfe programou un plan alternativo de transporte que garanta a mobilidade dos viaxeiros e, á súa vez, "supoña a menor molestia posible".
Así, modificaranse os servizos entre Vigo Guixar e Santiago de Compostela/a Coruña, Ourense/Ponferrada e Porto Campanha, en ambos os sentidos, podendo verse tamén afectados os últimos servizos do día previo ao comezo das obras.
Deste xeito, durante un mes, os trens con destino/orixe Santiago de Compostela ou A Coruña modifican a súa estación de saída/chegada a Vigo Urzáiz. Ademais, debido ao novo itinerario, realizarán parada en Redondela AV/AV no canto de en Redondela e Redondela Picota.
Alternativa por estrada na liña do Miño
Os Rexionais que circulan pola liña do Miño con orixe/destino Ourense/Ponferrada e os trens Intercity que comunican a cidade olívica con Portugal realizarán unha parte do traxecto por estrada: entre Vigo Guixar e Guillarei e entre Vigo Guixar e Valença do Minho, respectivamente. Esta modificación alongarase no tempo durante un prazo aproximado dun ano, ata finalización das obras de Adif.
Estas adaptacións poden supoñer "leves diferenzas" nos horarios de saída, chegada e paradas intermedias, polo que a compañía recomenda consultar os horarios con antelación e, ademais, activa os cambios e anulacións sen custo para todos os trens afectados.