O Sergas convoca máis de 33.000 nenos para vacinarse da gripe entre o 5 e o 6 de decembro
Sanidade activa esta campaña extraordinaria para nenos de entre 6 meses e 11 anos ante a incidencia do virus
Os 14 hospitais públicos serán os puntos de vacinación
Más de 33.000 nenos galegos de entre seis meses e once anos están chamados a vacinarse fronte á gripe nunha campaña extraordinaria que activou o Servizo Galego de Saúde ante a incidencia do virus. Os catorce hospitais da rede pública galega serán os puntos de vacinación para estes nenos, que deberán acudir aos centros os días 5 e 6 de decembro, segundo anunciou este mércores o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.
"As vacinas son a mellor protección fronte á gripe", sinalou Gómez Caamaño durante unha visita ao centro de saúde da Parda, en Pontevedra, desde onde animou ás familias galegas a que participen nesta campaña de vacinación.
Galicia, segundo o titular de Sanidade no goberno galego, está "preparada" para afrontar esta nova tempada de gripe, que este ano chegou con semanas de adianto. Desde mediados de novembro, o Sergas ten operativo o seu plan de inverno "para anticiparse, previr, planificar e xestionar os recursos que permitan responder os picos de demanda", explicou o conselleiro.
Antonio Gómez Caamaño indicou que, ata o de agora, xa se vacinaron en Galicia unhas 720.000 persoas por gripe, das que máis do 67% son poboación de 65 ou máis anos, que é un dos grupos máis vulnerables. Tamén se vacinaron contra a gripe preto do 60% do persoal sanitario e case o 47% de nenos e nenas ata os 11 anos.
Desde que comezou a campaña de gripe, notificáronse en Galicia máis de 1.050 ingresos hospitalarios, a maioría con virus de tipo A.
"É unha situación moi parecida a calquera ano en decembro", sostivo Gómez Caamaño, que engadiu que "hai máis gripe, pero sen efectos que necesiten de ingreso".
Para reducir estas cifras, lembrou que levou a cabo unha campaña extraordinaria de vacinación dirixida á poboación de 60 a 69 anos, á que acudiron 6.500 persoas, o que elevou a cobertura dos maiores de 60 ata preto do 57%.