O Sergas amplía ata os 25 anos a vacinación contra o virus do papiloma humano en varóns
Rueda defendeu que o calendario de vacinación de Galicia é o "máis completo do mundo"
O Consello da Xunta aprobou este luns ampliar ata os 25 anos a vacinación contra o virus do papiloma humano en varóns.
Con esta medida, todos os homes nados do 2001 en diante poderán recibir esta vacina, o que supón, apuntou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "algo máis de 21.000 mozos".
A modificación do calendario de vacinación suporá unha adquisición adicional de doses en que se vai investir case un millón de euros.
Rueda destacou que o calendario galego de vacinación é o "máis completo do mundo".
O virus do papiloma humano, destacou Rueda, é a infección de transmisión sexual máis común, que incluso pode chegar a provocar cancro. e a medida que agora se aproba baséase "na incidencia e na evidencia científica" que "acreditan esta necesidade".
O presidente da Xunta sinalou que xa no ano 2008 se implantou a vacinación de todas as mulleres ao facer os doce anos, e que sucesivamente se foi ampliando. En 2022 tamén se lle comezou a dispensar aos varóns a esa idade, e nestes momentos todos os mozos de ata 21 anos reciben a vacina.