Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Seprona investiga un posible delito de abandono e maltrato animal en Oza-Cesuras

O Seprona investiga un posible delito de abandono e maltrato animal en Oza-Cesuras

Localizaron restos de dous cans e outro con síntomas de desnutrición nunha vivenda do lugar do Vilar

Trataríase dun suposto criadeiro de cans da raza border collie, e xa ten denuncias previas

Instalacións onde apareceron os restos animais en Oza-Cesuras
G24.gal 28/08/2023 14:04

O Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil investiga un posible delito de abandono e maltrato animal en Oza-Cesuras. Inspeccionaron o lugar do Vilar alertados por un veciño, que deu aviso por un can que deambulaba pola zona en mal estado e con síntomas de desnutrición. 

Na primeira inspección, realizada por efectivos do Seprona e unha veterinaria, detectaron a gravidade da situación: entre moreas de pulgas, ademais dese can desnutrido, puideron ver restos doutros dous cans mortos, e outro máis que ladraba dentro da casa e que podería incluso ter crías con el.

A segunda inspección realizouse en presenza da muller que ten alugada a vivenda, e que xa fora denunciada noutras ocasións por rexentar -presuntamente- un criadeiro de cans border collie sen autorización. Nesa segunda visita, o Seprona só puido constatar a existencia de restos dun dos cans, en avanzado estado de descomposición.

O concello de Oza-Cesuras fíxose cargo do can que deambulaba pola zona, para darlle atención médica. A veterinaria que o atendeu confirma o estado de abandono do animal, que presentaba síntomas de desnutrición e deshidratación, laceracións e alopecia. Ten tamén anemia provocada polas infeccións que lle transmitiron as carrachas. 

O Seprona está completando os informes para presentalos na Fiscalía. Poderían denunciar a muller por un presunto delito de abandono e maltrato animal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade