Rescatan catro cans en mal estado nunha casa ocupada ilegalmente en Lugo
Os animais, que están recibindo tratamento no Hospital Veterinario Rof Codina, presentan problemas na pel e tres deles mutilacións na orella e no rabo
Artellouse un dispositivo entre axentes da Policía Local e o Seprona e persoal da Sociedade Protectora de Animais para retirar os cadelos
Os cans que foron rescatados estaban nesta vivenda da rúa Lavandeira de Lugo. Trátase de tres femias de dous meses mestizas de sabuxo e un can adulto mestizo de fox terrier. O inmoble está ocupado ilegalmente. En varias ocasións os veciños xa expuxeran as súas preocupacións polo estado no que estaban os animais.
O presidente da Asociación veciñal da Piringalla, Ricardo Varela, expresa que a xente levaba tempo soportando "maltrato aos animais e excrementos sen limpar".
O rescate dos animais fíxose a través dun dispositivo policial que non pasou desapercibido na zona. Comentan algúns veciños que viron coches da policía, do Seprona e da Protectora de Animais.
Desde esta asociación, Alberto Losada indica: "Hai un mes estiveramos coa Policía Local alí e vimos catro cans adultos. Naquel momento a situación non parecía como para quitárllelos e avisóuselles de que os tivesen en mellores condicións, pero tres desapareceron e un deles tiña un ollo bastante mal".
Os catro cadelos que puideron rescatar foron levados ao hospital veterinario Rof Codina, onde os están tratando. Di Alberto Losada, presidente da protectora de animais que "os cadeliños presentaban mutilacións nas orellas e no rabo".
Confían na Protectora en que os cadelos se recuperen pronto e que deseguido se poidan iniciar os trámites de adopción.