O Senado aproba a reforma da lei do aborto
PP e Vox presentaron senllos vetos ao proxecto de lei ao considerar que este vulnera dereitos fundamentais
O Senado aprobou este mércores unha das leis estrela impulsadas polo Ministerio de Igualdade: a da reforma do aborto.
O texto volverá ao Congreso para a súa ratificación definitiva.
A ministra de Igualdade, Irene Montero, agradeceu este mércores á maioría feminista do Senado o seu apoio para sacar adiante a reforma da lei do aborto e destacou que sen dereitos sexuais e reprodutivos as mulleres non son cidadás de pleno dereito.
Montero pechou o debate sobre o proxecto de lei de reforma do aborto, que busca garantir o dereito á interrupción voluntaria do embarazo na sanidade pública e eliminar a esixencia de permiso paterno para as menores de 16 e 17 anos.
Coa votación desta tarde, a lei culmina o seu trámite no Senado e deberá volver agora ao Congreso para a súa aprobación definitiva ao incorporar algunhas emendas.
Unha das emendas proposta polo PSOE impedirá que as mulleres que desexen interromper o seu embarazo se vexan sometidas a prácticas non científicas para condicionar a súa decisión, como escoitar o latexado do corazón do feto ou ver unha ecografía 4D.
PP e Vox presentaron senllos vetos ao proxecto de lei ao considerar que este vulnera dereitos fundamentais, atenta contra liberdade das mulleres ao eliminar os días de reflexión e a información sobre axudas e alternativas e non conta co consenso social e político que require un tema tan importante.
Segundo o senador do PP Antonio Román, esta lei limita a liberdade de conciencia dos médicos aos que "sinala e estigmatiza", mentres que desde Vox apuntan que a norma "promove cultura da morte".
Desde o PSOE Eva María Selectos lembrou que un 83 % dos españois está a favor do aborto e que esta reforma non obriga a ningunha muller para interromper o seu embarazo. "Os dereitos non son para quitar liberdade a ninguén, senón para dala a quen a queira exercer", destacou.