Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno aproba a lei que suspende a patria potestade aos maltratadores condenados

O Goberno aproba a lei que suspende a patria potestade aos maltratadores condenados

A violencia vicaria queda tipificada no Código Penal como un delito contra a integridade moral das mulleres

O texto recolle a privación da patria potestade nos casos de sentenza firme por violencia de xénero, a prohibición de que os asasinos difundan publicamente os detalles dos seus crimes e a obriga de escoitar os menores antes de acordar unha custodia

Concentración en Bilbao polo asasinato dunha nena de 13 anos a mans de seu pai, en maio de 2025 (Arquivo Europa Press)
G24.gal 14/07/2026 08:43 Última actualización 14/07/2026 14:09

O Goberno aprobou este martes no Consello de Ministros o anteproxecto de lei contra a violencia vicaria, que se establece como unha circunstancia agravante por razón de xénero, e prevé a suspensión de forma automática da patria potestade aos maltratadores condenados en sentenza firme.

Tras unha primeira versión aprobada en setembro de 2025 e meses de negociacións entre Igualdade, Mocidade e Infancia e Xustiza, os tres ministerios implicados na elaboración da lei, o novo borrador aprobado inclúe a reforma de dez normas para incorporar medidas específicas fronte a este tipo de violencia, entre elas a obrigación de escoitar os menores antes de decidir sobre a súa garda e custodia.

A lei, impulsada por Igualdade, define xuridicamente a violencia que, con obxectivo de causar dor ou sufrimento ás mulleres, exercen parellas ou exparellas contra fillos e fillas ou outras persoas cun vínculo afectivo, e inclúe á violencia vicaria no Código Penal como unha circunstancia agravante por razón de xénero para aplicar unha pena superior.

A ministra de Igualdade Ana Redondo destacou na conferencia de prensa posterior á reunión do Consello de Ministros que esta lei, pioneira en Europa, vén a dar resposta a todas as vítimas e aos seus familiares ante un tipo de violencia que é de xénero e busca causar dor ou sufrimento á muller a través dos seus fillos ou persoas achegadas. 

A lei de violencia vicaria modificará dez normas para protexer mellor as vítimas

Estas son as principais modificacións legais que afectarán unha decena de normas:

-Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero (LOVX) de 2004: Artigo 1.4.

Amplía o abanico de vítima na definición xurídica de violencia vicaria, que é aquela que, co obxectivo de causar dor ou sufrimento ás mulleres, exercen cónxuxes ou exparellas -mesmo sen convivencia- contra os seus fillos e fillas ou descendentes e contra persoas menores de idade ou maiores con discapacidade suxeitas á súa tutela, curatela, acollemento ou garda e custodia, ou a outras medidas de apoio.

Tamén exercida contra familiares ou achegados menores de idade, contra os ascendentes ou irmáns e irmás desta ou contra o cónxuxe ou persoa á que estea ligada por análoga relación de afectividade aínda sen convivencia.

-Código Penal: Artigos 22.4, 48 e 70.

Establece a violencia vicaria como unha circunstancia agravante por razón de xénero. Tamén incorporará unha nova pena accesoria que consista na prohibición de publicar ou difundir mensaxes, textos, imaxes ou outros contidos que teñan relación directa co delito cometido para evitar o que ocorreu co caso Bretón.

-Código Civil: Artigo 94.

Privación de forma automática da patria potestade en caso de sentenza condenatoria firme e posibilidade de acordar a privación da patria potestade en caso de indicios fundados de violencia ou de proxenitor incurso en proceso xudicial por determinados delitos.

Tamén outras modificacións para limitar as custodias ou excluílas se resulta prexudicial para a saúde física ou emocional dos fillos ou fillas e reforzar a fundamentación á hora de establecer un réxime de visitas, comunicación ou estadía respecto do proxenitor incurso nun proceso penal, cando existan indicios fundados de violencia doméstica ou de xénero.

-Lei Orgánica de Protección Xurídica do Menor:

Incluirá de forma expresa como unha situación de risco a exposición dos menores de idade á violencia vicaria.

-Lei de Axuizamento Civil:

Tamén incluirá o indicador de situación de risco e modificará o artigo 748 co obxectivo de que a patria potestade se tramite por xuízo verbal, para axilizar a súa resolución.

-Rexistro Civil: Artigo 54.

Incorporará a posibilidade de que a nai sobrevivente dun fillo ou filla falecida como consecuencia de violencia vicaria poida solicitar a substitución de apelidos do fillo ou filla falecida e, en caso de existiren, dos demais fillos e fillas comúns menores de idade, coa finalidade de evitar a pervivencia do vínculo nominal co agresor.

-Lei Xeral de Seguridade Social: Artigos 71.1, 231 e 232.1.

Garantir que a persoa que exerceu violencia vicaria non poida xerar dereito ás prestacións de morte e supervivencia cando cometese delito doloso de homicidio.

-Lei Orgánica do Poder Xudicial:

Establecerá medidas para mellorar a formación de xuíces, fiscais e maxistrados en toda a carreira xudicial, incluíndo a violencia vicaria nas probas de ingreso e promoción e na formación especializada e continua.

-Outras leis afectadas serán a de Axuizamento Criminal e o Estatuto da Vítima de Delito; ademais, dará cumprimento ao Pacto de Estado e permitirá ampliar a Estatística de Vítimas Mortais por Violencia Contra a Muller por Razón de Xénero ás vítimas de violencia vicaria. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade