Piden un estudo para coñecer as causas da mortalde do mexillón
Din que na ría da Arousa o mexillón está máis delgado, hai desprendementos e mortaldade
Apuntan ao aumento da temperatura da auga e á contaminación como posibles causas
Das 3.400 bateas que hai en Galicia, 2.400 están na ría da Arousa. É a principal zona de produción de mexillón que ano tras ano ve como se acumulan os problemas.
Juan Alberto Plazas é un bateeiro de Cabo de Cruz que gravou un vídeo en que amosa a súa rabia pola colleita: "Mexillón grande morto ou a punto de morrer e ninguén di nada!" escóitaselle dicir. "Eu métolle entre 11.000 e 15.000 unidades a cada corda de doce metros. O ano pasado deu sobre 16 ou 17 bolsas de 30 exemplares e este ano produciu 7 bolsas e media".
Segundo os seus cálculos, a produción da batea vai ser menos da metade do habitual.

Xuntanza coa Consellería
28 asociacións que representan 1.500 bateas solicitaron unha xuntanza coa Consellería para analizar que se pode facer ante esta situación de mortaldade, desprendementos e mexillón moi delgado. O sector descoñece as causas, pero apunta ao aumento da temperatura da auga e á contaminación.
Recordan o episodio de mortaldade de navalla que houbo na praia da Lanzada hai unhas semanas e as queixas do sector marisqueiro nos últimos meses pola escaseza de ameixa babosa e berberecho.
"Gustaríanos que os centros de investigación galegos fixesen un estudo en profundidade para saber que está pasando na ría da Arousa", conclúe Mario Vidal, presidente da Cooperativa de Mexilloeiros Asmecruz.