O sector hostaleiro galego prevé que a ocupación en Semana Santa supere o 80%
Entre os destinos máis solicitados están as Rías Baixas e a Costa da Morte, ou a Ribeira Sacra, así como lugares cunha especial tradición nas celebracións da Semana Santa
Lugares como Viveiro ou Ferrol van ter unha ocupación de arredor do 95 %
"Vimos de Madrid e eliximos Galicia porque non o coñecemos e queriamos coñecer Santiago. Imos estar toda a Semana Santa. Queremos ir a Vigo, a Ferrol, a Fisterra e a Cambados", di un turista.
Este é o primeiro período de temporada alta do ano para o turismo en Galicia e os establecementos de hostalería recíbeno con boas sensacións. As reservas son altas e confían en que as boas previsións meteorolóxicas eleven a ocupación por riba do 80 % para os días festivos.
"As sensacións son francamente boas, a climatoloxía está axudando. Esperemos que nesta fin de semana se produzan ese aluvión de reservas de última hora. Esperamos que esas tres noites de festivos de Semana Santa estean entre o 75 e o 85 % de ocupación", destaca Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia.
Nesta primeira fin de semana de vacacións xa cidades e vilas galegas están ateigadas de peregrinos e turistas.
"Vimos de Barcelona, collimos unha casa en Padrón, fixemos xa toda a costa da Morte, gustounos moitísimo, e temos unha semana de escándalo con moi bo tempo, é para repetir", di outra turista.
Entre os destinos máis solicitados están as Rías Baixas e a Costa da Morte, ou a Ribeira Sacra, así como lugares cunha especial tradición nas celebracións da Semana Santa.
"Zonas como Viveiro, zonas como Ferrol van ter unha ocupación arredor do 95 %", engade Cesáreo Pardal.
Nesta época de Semana Santa, Galicia recibe sobre todo turismo da propia comunidade, tamén visitantes nacionais e moito turista portugués.