Agredida unha septuaxenaria na Estrada polos ocupantes ilegais dunha casa súa
O suceso aconteceu a primeira hora da tarde deste domingo
A señora, de 77 anos, acabou no hospital
O enfrontamento produciuse a primeira hora da tarde nesta casa da parroquia de San Miguel de Castro, na Estrada. Aquí vive unha parella coa súa filla menor de idade desde hai uns tres anos. Ao principio, co permiso da dona por mediación dos Servizos Sociais do Concello, pero desde hai tempo como ocupantes ilegais.
"Esa casa é propiedade da miña nai e eles en ningún momento teñen vontade de saír. Din que si, pero nada. Miña nai foi hoxe porque a semana pasada lle dixeron que para a semana. Pero levan así meses. E miña ñai foi alí e hoxe atopouse cun empuxón dunha persoa nova, que a tirou no chan", explica Manuel Asorey, fillo da señora agredida.
Manuel chamou ao 112 e ata o lugar acudiron axentes da Garda Civil e unha ambulancia que trasladou a señora de 77 anos ao hospital Clínico de Santiago.
"Está en urxencias, estana atendendo, parece que ten unha lesión na cadeira, na man e no ombro, pero ata que nos digan algo máis. O parte é un parte de lesións, evidentemente", di Manuel Asorey, fillo da señora agredida.
Fontes da Garda Civil confirmaron que non hai ninguén detido. O fillo da agredida asegura que a vivenda carece de condicións hixiénicas axeitadas e reclama a intervención dos Servizos Sociais.