O sector do transporte xira cara á electrificación con supercargadores para camións
Apenas o un por cento dos vehículos pesados que circulan en España son eléctricos
Presentan no Porriño un aparello capaz de encher a batería dun furgón nun cuarto de hora
Son raros, moi raros, nas estradas. Menos do catro por cento dos camións que circulan por Europa son eléctricos e en España, aínda menos, apenas o un por cento.
Xa hai varias marcas que fabrican vehículos pesados de baterías pero aínda son caros e, ademais, alertan os profesionais, hai moi poucos puntos de recarga adaptados.
O sector busca solucións e confía, entre outras ideas, nos supercargadores. Falamos de aparellos capaces de recargar un camión nun cuarto de hora. O Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia organizou unha demostración nas súas instalacións do Porriño.
Foi un acto restrinxido, limitado polo segredo empresarial, no que uns poucos coñeceron un destes supercargadores.
"Un vehículo particular de alta gama podemos cargalo agora mesmo nuns quince minutos, igual que podemos cargar un vehículo de transporte. En quince minutos unha carga rápida de 300-400 quilowatt é capaz de cargar unha batería un noventa por cento", asegura Adolfo Quintero, o responsable de Automatización Empresarial da multinacional Nidec.
É unha tecnoloxía custosa pero, cando se fala de loxística ou transporte de mercadorías, o tempo é ouro. Por iso, estes supercargadores están pensados, sobre todo, para frotas, Ben sexan de empresas ou institucións, en terra e, ollo, tamén no mar.
"Para camións, para pequenos vehículos industriais... Incluso pode ser para embarcacións. Xa temos algún instalado nalgún porto español", engade Iván Souto, o director de Fase, a empresa galega que distribúe estes aparellos na comunidade.
Volvendo á terra, Galicia é a comunidade autónoma con menos puntos de recarga por cada mil quilómetros, moi lonxe de zonas como Madrid. A Xunta recoñece que a electrificación vai con atraso pero di que se está acelerando os últimos meses. E, ademais, adianta que haberá axudas para seguir instalando equipos.
"Xa están planificadas na folla de ruta para 2026 e imos incentivar a mobilidade eficiente a través de diferentes convocatorias de axudas", adiante o director xeral de Planificación Enerxética da Xunta, Pablo Fernández Vila.
Ademais, a Xunta reclámalle ao goberno central un novo plan de axudas para o próximo ano, que inclúa partidas para fomentar a instalación de cargadores. O plan actual, o Moves III, remata o 31 de decembro.